Publicador de contidos
Publicador de contidos

Comeza este luns o xuízo contra o dianteiro do Celta Santi Mina por agresión sexual

Comeza este luns o xuízo contra o dianteiro do Celta Santi Mina por agresión sexual

O Ministerio Público pide para o futbolista unha pena de oito anos de prisión

A acusación particular considera a David Goldar "cooperador necesario"

G24.gal 27/03/2022 18:30

O xuízo ao futbolista Santi Mina, que agora milita no Celta e que se enfronta a oito anos de prisión pola presunta agresión sexual a unha muller no 2017, empeza este luns na Sección Terceira da Audiencia Provincial de Almería, con sesións sinaladas para os días 28, 29 e 31 de marzo.

Segundo o escrito do Ministerio Público, sobre as 4:30 horas do 16 de xuño de 2017, o acusado aproveitou que o seu amigo David Goldar marchara cunha muller á caravana que tiña estacionada nas proximidades dunha discoteca de Mojácar (Almería) para levar alí a presunta vítima coa intención de satisfacer o seu "apetito sexual".

Tras dicirlle que lle gustaba moito e que deberían "facer algo", ela negouse, polo que Mina abandonou o vehículo. Porén, de acordo co mesmo relato, o xogador supostamente entrou pouco despois e agrediuna sexualmente.

Como consecuencia, a vítima presenta na actualidade sintomatoloxía ansiosa e depresiva grave que afecta a súa vida cotiá, xa que sofre trastorno de estrés postraumático crónico.

O Ministerio Público pide para o futbolista unha pena de oito anos de prisión por un delito de agresión sexual, unha orde de afastamento de 500 metros durante dez anos, liberdade vixiada durante outros dez e resarcimento económico a través da responsabilidade civil que se fixe xudicialmente.

"Cooperador necesario"

A Fiscalía pediu o sobresemento da causa aberta nun principio contra o tamén futbolista David Goldar. Porén, a acusación particular considérao "cooperador necesario" de Mina.

Segundo o avogado da vítima, Iván Bolaño Piña, "podendo evitar a acción, en ningún momento fixo absolutamente nada para evitar a agresión sexual".

No seu caso, pide para ambos os dous xogadores nove anos e medio de cárcere, ademais do resto de medidas accesorias xa solicitadas polo Ministerio Público.

O letrado lembra que en delitos deste tipo a lei non permite acceder ao terceiro grao como mínimo ata cumprir a metade da pena, se se produce a condena.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade