Publicador de contidos
Publicador de contidos

Anulan a sentenza contra Ana Sandamil: o xuízo polo crime de Desirée repetirase

Anulan a sentenza contra Ana Sandamil: o xuízo polo crime de Desirée repetirase

O TSXG estima o recurso da súa defensa e conclúe que a condena carecía de motivación nun “elemento esencial”: a determinación do grao de imputabilidade da acusada

O pai de Desirée non ve "sentido" nin "lóxica" na decisión

G24.gal 21/11/2022 12:51 Última actualización 21/11/2022 21:11

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) declarou nula a sentenza da Audiencia Provincial de Lugo que condenou a prisión permanente revisable a Ana Sandamil por asasinar a súa filla de sete anos, Desirée Leal, en maio de 2019 en Muimenta, e ordena repetir o xuízo.

A Sala do Civil e Penal, que estimou o recurso de apelación interposto pola defensa da condenada, ordenou a devolución da causa á Audiencia Provincial de Lugo para a celebración dun novo xuízo con diferente tribunal.

Os maxistrados conclúen que a resolución carece de motivación nun “elemento esencial”: a determinación do grao de imputabilidade da acusada.

Así, explican que esa cuestión é “o verdadeiro cabalo de batalla da causa”, tendo en conta de que, “á marxe de determinadas circunstancias, de todo punto inocuas”, a acusada deu morte á súa filla

Durante o xuízo, esa foi unha das cuestións que máis se debateu, con especial atención aos testemuños dos peritos psicólogos e psiquiatras que debullaron a personalidade da acusada, entre outras cousas para saber se podía ser imputada por este crime. 

Finalmente o xurado declarou culpable a Ana Sandamil polo crime da súa filla e entendeu que non estaba probado que o trastorno de personalidade que padece lle anulase as facultades.

Para o TSXG, o xurado non motivou a súa decisión

O TSXG indica que o tribunal do xurado considerou probado que “o trastorno psicótico non especificado” ou o “trastorno da personalidade de tipo mixto que tiña diagnosticado a acusada, afectaba parcialmente as súas facultades mentais”, pero “non de forma importante” e, polo tanto, non incidía na súa “capacidade para comprender a ilicitude do feito” ou “a súa capacidade de autocontrol e autodeterminación para actuar conforme á devandita comprensión”.

A sala sinala que a propia sentenza da Audiencia Provincial “recoñece a dificultade que presenta a decisión sobre a posible concorrencia de causas que poderían determinar a apreciación dunha circunstancia modificativa da responsabilidade”.

De feito, “o xurado foi informado, en presenza das partes, da transcendencia xurídica das súas decisións, sempre limitando a súa apreciación aos feitos xustificativos das eventuais circunstancias, con indicación da súa obrigación de despexar a posible dúbida na forma máis favorable á acusada”, e “optou pola mínima afectación de facultades”.

O TSXG subliña que o xurado “simplemente opta, pero non motiva a súa decisión, non especifica o porqué da súa elección”, senón que “simplemente tense por certa coa seguinte mención: ‘baseado nos informes da pericial conxunta de psicoloxía e psiquiatría’”.

Os maxistrados inciden en que “non pode admitirse como suficiente a referencia xenérica, acrítica, en bloque, á proba pericial psicolóxica e psiquiátrica, precisamente pola complexidade que entraña e a súa falta de univocidade”.

A Sala do Civil e Penal asegura que basta a lectura da sentenza para comprobar como non houbo un só criterio referente á imputabilidade da acusada, “senón que existiron opinións atopadas que esixirían, ou esixen, un grao de motivación, sequera sucinto, breve ou compendioso, para fixar ou comprobar a racionalidade da decisión”.

De feito, fai referencia a que, segundo o fallo da Audiencia Provincial, a xuízo dunha doutora, a acusada presentaba un trastorno mental severo de tipo psicótico, constitutivo dunha anomalía grave das súas facultades intelectivas e volitivas.

“A sentenza afirma que ese informe psiquiátrico e a súa explicación en xuízo non foron convincentes para o xurado, con todo, nada diso dixo o xurado ou, cando menos, non xustificou por que non era convincente”, aseguran os maxistrados do TSXG.

“Un pronunciamento inmotivado é arbitrario, por máis que poida ser acertado”, di o TSXG. Así mesmo, aclara que á hora de resolver o recurso de apelación presentado pola acusada non se decide “sobre o acerto da decisión, senón sobre o modo e maneira ao que se chegou á decisión que se plasma no veredicto e, finalmente, na sentenza”.

O pai de Desirée non ve "lóxica" a decisión

 Xose Manuel Leal di que respecta o auto xudicial pero que non comparte as razóns.

"Teño que respetar a sentenza, obviamente. Non quere dicir que esté de acordo. Estarán moi alegres tanto a asasina, ese  monstro estará moi alegre,  como a súa familia e a súa parella", di Xosé Manuel Leal.

Lamenta que teñan que volver revivir todo o sucedido cando ao seu entender quedou demostrada a culpabilidade da súa exmuller.

"Agora volver a empezar. E isto non é doado. Xa non é doado o día a día porque eu sempre digo que cando acabaron coa vida da miña nena tamén remataron coa miña en certo modo", asegura.

A sentenza do alto tribunal galego conta cun voto particular en contra dun dos tres maxistrados, quen entende que o fallo da Audiencia Provincial de Lugo contén “unha explicación suficiente da decisión adoptada no ámbito da imputabilidade, pois os xurados eran conscientes, polas explicacións dadas, da transcendencia da súa decisión”.

 

 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade