O xulgado autoriza a venda de Barreras a Armón por ser a mellor oferta económica
O xulgado autoriza a venda de Barreras a Armón por ser a mellor oferta económica
A empresa asturiana pagará 14.700.000 euros polo estaleiro vigués
Armón subrogará vinte traballadores dos máis de 120 que ten Barreras
A formalización da compravenda deberá realizarse no prazo dun mes
O Xulgado do Mercantil número 3 de Pontevedra, con sede en Vigo, acordou autorizar a venda da unidade produtiva de Hijos de J. Barreras por 14.700.000 euros a favor de Astilleros Armón.
Dese prezo, 14.200.000 euros corresponden aos bens e dereitos que adquire a empresa, mentres que o resto, 500.000 euros, serán aboados pola chatarra dos cascos da armadora Havila. Astilleros Armón, segundo consta no auto, contra o que non cabe presentar recurso, subrogará vinte traballadores.
A formalización da compravenda deberá realizarse no prazo dun mes, computado dese hoxe, data de notificación da resolución do xulgado, que o pasado mes de xaneiro declaraba Barreras en concurso de acredores e autorizaba a súa venda.
A maxistrada explica no auto, en que atende o informe que hai sete días presentaba o administrador concursal, que, á hora de tomar a decisión, tivo en conta que “o beneficio dalgúns interesados vai en prexuízo de outros”.
Así, advirte: “Se se mantén a estrutura empresarial existente para evitar a perda de postos de traballo, favorécese aos traballadores da concursada, pero á conta dos acredores e dos traballadores destes acredores, que tamén se ven afectados”.
Por iso, salienta na resolución que para resolver cal das tres ofertas presentadas debía ser a adxudicataria da unidade produtiva se atendeu ao “interese do concurso”, é dicir, ”á satisfacción dos intereses dos acredores”.
Na resolución, asegura que a minimización da perda dos postos de traballo, na medida do posible, se terá en conta “cando non entre en conflito co interese do concurso”.
As tres ofertas, unha por unha
A xuíza analiza cada unha das ofertas presentadas e, en primeiro lugar, indica que a de Marina Meridional é rexeitada porque “non cumpre ningún dos presupostos necesarios”.
En canto á oferta económica de Astilleros Gondán, recalca que, no seu conxunto, non supera a oferta presentada por Astilleros Armón.
A maxistrada subliña que “a sustentabilidade do tecido empresarial e industrial do sector auxiliar e complementario da actividade de Hijos de J. Barreras, vinculada ao sector naval, determina que haxa que velar pola satisfacción dos créditos de quen, como acredores, concorren ao proceso”.
A oferta de Gondán ascendía a 5.500.000 euros, mentres que a de Armón é de 14.200.000 euros e, se é con inclusión da chatarra procedente dos casos de Havila, 14.700.000 euros. Con todo, a esta última hai que aplicarlle unha diminución polas indemnizacións por despedimento ou extinción dos contratos laborais.
Por tanto, a oferta de Armón para destinar ao pagamento do resto de créditos do concurso é de 10.244.442 euros, se se atende ao prezo da primeira opción, ou de 10.744.442 euros se inclúe os cascos de Havila. En ambos os casos, segundo destaca a xuíza, o importe ofrecido por Armón destinado ao pagamento dos acredores supera en máis dun 45 % ao de Gondán.
Ademais de constituír a mellor oferta económica, Armón comprométese, segundo a resolución, a unha “rápida reactivación da actividade da unidade produtiva, prevista nun prazo de seis meses, o cal determinará tamén a reactivación da actividade no sector naval afectado polo concurso de acredores”.
A xuíza incide en que unha maior satisfacción dos acredores vai permitir, neste caso, “a conservación de empresas auxiliares do sector naval que, doutro xeito, se verían novamente afectadas polas situacións de insolvencia padecidas pola concursada”. No auto explica que esas empresas auxiliares comprenden “uns 6.500 postos de traballo indirectos que se xerarán coa reactivación da actividade que ata a data viña despregando a concursada”.
No auto tamén indica que a oferta de Gondán, preferida polos empregados e os seus representantes, “non permite satisfacer a práctica totalidade dos créditos dos acredores e xera dúbidas respecto da continuidade de todos os traballadores do persoal xa fóra deste proceso, unha vez transmitida a unidade produtiva”.
Os traballadores advertían contra a venda a Armón
O comité de empresa de Barreras anunciaba hai uns días que se mobilizaría se a xuíza ratificaba a proposta do administrador concursal para entregarlle o estaleiro á empresa Armón, como finalmente ocorreu, xa que prevía o despedimento dun cento de traballadores.
A parte social decantábase pola oferta do tamén grupo asturiano Gondán, que tiña intención de manter o cadro de persoal.
Nunha entrevista no Galicia por diante, da Radio Galega, o presidente do comité, Sergio Gálvez, engadía que Gondán garantía carga de traballo para o estaleiro vigués porque estaba perdendo contratos precisamente por non ter capacidade para cubrir toda a demanda que ten.
"Nós contámoslle ao administrador que Gondán desviou xa dous barcos a un estaleiro vasco, acaba de perder dous contratos para Sri Lanka e está nun nicho de mercado [o dos aeroxeradores] que está crecendo".
Fronte a iso, Gálvez dicía que o administrador optaba pola oferta de Armón para construír buques oceanográficos e pesqueiros, pero advertía que a compañía non asegura que os fose facer en Vigo.