O xulgado declara disolta a sociedade Hijos de J. Barreras e abre fase de liquidación
O xulgado declara disolta a sociedade Hijos de J. Barreras e abre fase de liquidación
A negociación do ERE, que vai supoñer o despedimento duns cen traballadores, finaliza sen acordo
O xulgado do Mercantil 3 de Pontevedra, con sede en Vigo, ditou auto, de data 6 de xullo de 2022, no que acorda abrir a fase de liquidación do estaleiro vigués Barreras e no que declara disolta a sociedade Hijos de J. Barreras SAU.
Nese auto, ao que tivo acceso Europa Press, tamén declara o cesamento dos administradores da sociedade (substituídos pola administración concursal) e declara vencidos os créditos concursais aprazados e a conversión en diñeiro dos que consistan noutras prestacións.
Unha vez aberta a fase de liquidación, a xuíza outorga un prazo de dez días á administración concursal para que presente un plan de liquidación para a "realización dos bens e dereitos integrados na masa activa do concurso".
A apertura desta fase foi solicitada polo propio estaleiro mediante escrito remitido ao xulgado a finais do mes de xuño, ante a imposibilidade de presentar proposta de convenio logo da venda da unidade produtiva, adxudicada a Armón, e a situación de ERTE que afecta os traballadores, pendentes da aprobación do expediente extintivo.
Sen acordo sobre o ERE
Precisamente, o período de consultas sobre o expediente de extinción de emprego do estaleiro vigués, que suporá o despedimento dun centenar de operarios, finalizou este xoves sen acordo.
Segundo informaron fontes sindicais, a administración concursal non ofreceu máis nada que "o mínimo", é dicir, un despedimento obxectivo cunha indemnización de 20 días por ano traballado, cun máximo dun ano.
A partir de agora, a xuíza do Mercantil de Vigo, deberá solicitar informe da Inspección de Traballo e posteriormente emitir o auto en que declare a extinción dos contratos.
Ademais, na resolución deberá pronunciarse tamén sobre se hai responsabilidade da propiedade, no caso de que, tal e como reclamaban os representantes do cadro, se poida confirmar que os donos de Barreras (Cruise Yatch Yardco LTD) forman parte dun grupo con unidade empresarial.
Unha vez superado ese trámite, o xulgado deberá abrir a peza de cualificación para determinar se o concurso de Barreras foi fortuíto ou culpable. No segundo caso, ábrese a posibilidade de dirimir responsabilidades penais.