O xurado declara culpable de asasinato o home que acoitelou unha muller coa que vivía en Lugo
O xurado declara culpable de asasinato o home que acoitelou unha muller coa que vivía en Lugo
O xurado popular non o considera crime machista porque non eran parella
O home de 48 anos acusado de acoitelar ata a morte a muller coa que convivía en Lugo foi declarado este mércores culpable de asasinato.
O xurado popular non tivo en conta a agravante de violencia de xénero, porque non eran parella, e considerou que non tiña minguadas as súas facultades, polo que tampouco ten en conta esta atenuante.
O procesado asegurara o luns que foi a muller a que o ameazou a el cun coitelo, pero conseguiu arrebatarllo, tentou asustala e cravoullo sen querer.
Tanto a Fiscalía como as acusacións particular e popular pedían para o acusado unha pena de 25 anos de cárcere, ao considerar que o que cometeu foi un asasinato, con aleivosía e as agravantes de parentesco —segundo o ministerio público— e violencia de xénero —neste caso segundo as acusacións particular e popular.
Segundo o escrito de acusación do ministerio fiscal, o acusado, que coñecía á vítima “desde había anos”, iniciou con ela unha relación sentimental no verán de 2019 e foron vivir xuntos no domicilio da muller, na cidade de Lugo.
A Fiscalía sostén que o crime se produciu entre as 18:00 horas do día 6 e as 8:00 horas do 7 de febreiro de 2020, no domicilio que ambos compartían.
Despois dunha discusión, “con coñecemento do grave estado de embriaguez” en que se atopaba a muller, “non tendo a vítima posibilidade” de defenderse, o acusado aproveitou que ela se atopaba sentada no inodoro para asestarlle catro puñaladas no pescozo cun coitelo que tiña 19 centímetros de folla.
Fíxoo “coa intención de acabar coa súa vida”, e polo menos una das puñaladas seccionoulle a carótida, de modo que a vítima faleceu por mor da hemorraxia que lle provocaron as feridas no pescozo.
No momento do falecemento, a vítima tiña 49 anos. Deixou dous fillos, un de 17 e outro de 30 anos, así como a súa nai, de 77.
O agresor enfróntase a 25 anos de prisión e a indemnizacións que poden andar polos 200.000 euros.