Publicador de contidos
Publicador de contidos

O xurumelo, fillo do cebolo e a cebola de San Cosme, triunfa nos grandes restaurantes

O xurumelo, fillo do cebolo e a cebola de San Cosme, triunfa nos grandes restaurantes

Son os gromos que xorden das cebolas soterradas nas hortas de Outes

Imaxe dun cultivo de cebolas na parroquia de San Cosme, en Outes, este xoves
G24.gal 19/05/2022 14:24

A cebola é a estrela nas hortas de Albeida, Bara e outros lugares do concello de Outes. Están na área de parroquia de San Cosme que lle dá nome a un cultivo tradicional e diferenciado que proporciona un produto único.

"A cebola de San Cosme é unha cebola espectacular; non pica, é moi suaviña... A caraterística é que facemos todo aquí: collemos a semente, plantamos o ceboliño, vén a cebola. Todo autóctono, cun método que vén de tempos remotos", di María Rosa María Martínez Romero, agricultora e mariscadora.

Ao cebolo e á cebola de San Cosme saíulle un fillo: o xurumelo, que vén ser o gromo que sae dunha cebola soterrada. Ademais da súa aceptación en restaurantes selectos, o xurumelo será unha axuda de cartos para estes pequenos produtores.

Carlos Rodríguez, axente de Desenvolvemento Local de Outes explica que "houbo algunha produtora que decidiu probar co xurumelo e a nosa gran sorpresa foi que hai locais, restaurantes moi interesados en facer as xornadas do xurumelo. Descubrimos que aí había posibilidades de mercado que en Outes non se estaba a ter en conta e que pode axudar a potenciar a economía da cebola".

Os impulsores do xurumelo  aspiran a que alcance a ampla valoración do cebolo; a planta que levan para moitas zonas do país, pero que en ningún outro sitio dá cebolas como as de aquí.

María Rosa conclúe que "a nosa terra é especial para a cebola. Nunca vai saber igual unha cebola de fóra como a criada aquí".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade