O Obradoiro perde na pista dun Unicaja embalado con catro vitorias seguidas
Os de Moncho Fernández estiveron metidos no partido ata o último cuarto, pero impúxose o poderío da rotación local (87-74)
Blazevic, con 17 puntos e 7 rebotes, foi o máis destacado dos galegos
O Obradoiro perdeu na pista dun Unicaja en forma que sumou a cuarta vitoria consecutiva. Fixo un bo partido o cadro santiagués pero faltoulle dar o paso definitivo para inquedar ao final a vitoria local (87-74)
Comezou mal o partido para o Obradoiro, incapaz de parar a Djedovic e con malas porcentaxes en ataque (15-4) pero no treito final do primeiro cuarto mellorou moito as prestacións (19-16).
Blazevic facía moito dano na pintura e a el uniuse Badzim no segundo cuarto para poñer os santiagueses por primeira vez por diante (24-26). A dinámica mantívose ata os últimos minutos do segundo cuarto nos que encaixou un parcial de 10-0 liderado por Taylor (42-34 ao descanso).
No terceiro cuarto volveu achegarse o cadro de Moncho Fernández (50-48) pero non conseguiu culminar a remontada. Foi facendo a goma con idas (61-52) e vidas, como o 71-65 do último período.
Quedaban cinco minutos e o Unicaja conseguiu estabilizar a diferenza en torno aos 10 puntos grazas ao traballo de Djedovic e Osetkowski. Xa non habería opción na parte final do partido e Unicaja amosou o bo momento polo que pasa.