Obradoiro de sexualidade no Carballiño para os escolares de secundaria
Obradoiro de sexualidade no Carballiño para os escolares de secundaria
Falaron dende os cambios que trae consigo a puberdade ou os estereotipos de xénero ata a menstruación ou a autoestima
No Carballiño, rapaces de secundaria participaron hoxe nun obradoiro de formación con profesionais sanitarios. Hoxe a mañá é algo distinta ás habituais. Un grupo de matronas, enfermeiras e traballadoras sociais achéganse ata o instituto para falar de sexualidade.
"Explicáronnos como se desenvolve o aparato reprodutor masculino e o feminino e como é a vida na puberdade".
"Falamos de moitas cousas que non sabiamos de antes, como da menstruación que pasa nas mulleres e dos soños húmidos que poden pasar nos homes".
Hoxe colgan as batas e cambian o centro de saúde polas aulas porque a comunicación cos cativos resulta máis sinxela.
"Ese tipo de charlas está moi ben dalas polos colexios porque ensinan moitas cousas a esta xeración que a verdade é que algúns non a toman moito en conta".
"Paréceme algo que é moi bo de ver para concienciar a xente das cousas que pasan hoxe en día".
E o certo é que poucos temas quedan por tocar. Dende os cambios que trae consigo a puberdade ou os estereotipos de xénero ata a menstruación ou a autoestima.
"Estivemos vendo letras de cancións, por exemplo, que algunhas estaban ben, que trataban con respecto, e outras non estaban tan ben porque eran algo machistas".
"Nas cousas máis cotiás hai cousas machistas, como nalgunhas películas de Disney".
E sabendo como saben que probablemente queden cousas no tinteiro, abren tamén unha fiestra virtual para resolver as súas dúbidas fóra das aulas.
"Facilitámoslles un enlace a través de Twitter e eles aí poden preguntarnos de forma anónima unha vez terminada a charla e en días posteriores as súas dúbidas e ímoslles contestando a través de Twitter"
O Sergas impulsa esta iniciativa, que se desenvolve polo de agora na provincia de Ourense.