Obxectivo: aforrar entre un 5 e un 13,5 % de gas
Obxectivo: aforrar entre un 5 e un 13,5 % de gas
O Goberno presenta o Plan + Seguridade Enerxética
Entre outras medidas, prevé reducir a factura de calefacción de 1,6 millóns de familias
O chamado Plan + Seguridade Enerxética comprende 73 medidas de carácter voluntario. Con elas, o Goberno espera reducir o consumo de gas natural entre un 5 e un 13 e medio por cento ata marzo.
Moitas dependerán das comunidades autónomas e dos concellos, que teñen ata o 1 de decembro para publicar os seus plans de aforro.
Teresa Ribera, vicepresidenta terceira e ministra para a Transición Ecolóxica, di que é "un plan que nos ofrece unha visión estratéxica de como ser máis seguros, como garantir unha maior accesibilidade para os petos do prezo da enerxía e unha maior solidariedade cos demais europeos".
Ampliación de bonos
O Goberno vai ampliar a cobertura dos bonos térmico e eléctrico e comprométese a reducir a factura do 1.600.000 fogares con caldeiras comunitarias.
Subvencionará con 500 millóns de euros proxectos de autoconsumo e destinará outros 40 millóns para instalar contadores intelixentes de gas.
Outros 100 millóns se porán a disposición de concellos e comunidades para cambiar a iluminación pública por outra máis eficiente.
Cambios na factura
Traballan tamén en cambios na factura da luz para mostrar o efecto do aforro derivado do tope ao prezo do gas na península.
Ribera explicou que "o prezo que pagariamos pola electricidade en agosto de 2022, se non adoptásemos medidas desde setembro de 2021, sería un 33 % máis alto do que pagamos de media o conxunto dos consumidores domésticos".
O ministerio fará cada mes un balance do impacto das medidas, que deben acadar o 6,4 % de aforro comprometido con Bruxelas.