Publicador de contidos
Publicador de contidos

Olimpíada de novos talentos informáticos en Ourense

Olimpíada de novos talentos informáticos en Ourense

Estudantes de 15 centros de toda Galicia compiten na Olimpíada de Informática

Teñen que resolver varios problemas nun tempo limitado

Os dous gañadores conseguen o pase para o certame nacional

G24.gal 03/02/2024 15:02 Última actualización 03/02/2024 16:24

O campus de Ourense acolleu na mañá deste sábado a Olimpíada Galega de Informática, onde preto de trinta estudantes de entre 15 e 18 anos, procedentes de toda Galicia, participaban para demostrar o seu dominio das linguaxes de computación e o deseño desas fórmulas matemáticas, de tanta sona ultimamente, os famosos algoritmos.

Os participantes representan quince centros educativos galegos e os dous primeiros clasificados obterán o pase a competición nacional, que se celebrará en Sevilla no vindeiro mes de marzo, de onde sairán os representantes españois na competición internacional que este ano ten lugar en Exipto.

A Olimpíada Galega de Informática está organizada polo Colexio Profesional de Enxeñaría Informática de Galicia, en colaboración coas tres universidades galegas e o Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións da Coruña.

"É para interesar aos mozos nesta enxeñaría, porque é importante que teñan cedo algunha idea de que van estudar, e tamén é unha competitividade interesante para demostrar o que xa saben", argumentaba o director da Escola Superior de Enxeñaría Informática de Ourense, Arno Formella.

"O que temos coa informática é que optimizamos a resolución destes problemas pero sempre hai que programalos antes e ese pensamento, esa actividade humana, é fundamental", explicaba o presidente do colexio Profesional de Enxeñaría Informática de Galicia, Fernando Suárez.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar