O 70 por cento dos tumores malignos terán cura no ano 2030
O 70 por cento dos tumores malignos terán cura no ano 2030
E do 30 por cento restante, moitos converteranse nunha doenza crónica
Son as previsións do Congreso Nacional de Oncoloxía de Precisión que se celebra en Vigo
En cuestión de sete anos, o 70 % dos tumores canceríxenos terán cura. E dos que non, moitos converteranse nunha doenza crónica. Son as expectativas que ofrecen os enormes e rápidos avances en investigación e tratamentos, que hoxe se repasan no quinto Congreso Nacional de Oncoloxía de Precisión, en Vigo.
"Niso inflúen factores como os cribados, que detectan os tumores de xeito máis inicial. Actualmente, ademais dispoñemos de técnicas de diagnóstico de alteracións moleculares que nos fan quen de analizar de xeito masivo moitos xenes", explica Martín Lázaro Quintela, presidente da Sociedade Oncolóxica de Galicia.
"Tamén contribúe a intelixencia artificial, a análise de datos nos que cruzamos os datos xenómicos con múltiples datos do paciente mesmo estado de ánimo e alimentación", engade
Ruth Vera, xefa do Servizo de Oncoloxía Médica do Hospital Universitario de Navarra.
E, ademais, incorpórase a inmunoterapia, que permite que o noso corpo, os nosos glóbulos brancos, identifiquen mellor e actúen de xeito máis eficaz contra o tumor.
"Esta vinculación de investigación e innovación, incorporación de bioinformáticos e biólogos moleculares propicia que o prognóstico dos pacientes con cancro cambiase en moitísimos tumores dun xeito radical", puntualiza Ruth Vera, xefa do Servizo de Oncoloxía Médica do Hospital Universitario de Navarra.
Un cambio de paradigma que obriga a adaptar os modelos asistenciais á complexidade da doenza, que debe abordarse con especialistas de distintos ámbitos.