O 30 por cento dos pacientes oncolóxicos benefícianse xa da biopsia líquida
O 30 por cento dos pacientes oncolóxicos benefícianse xa da biopsia líquida
Os oncólogos ven nesta técnica unha ferramenta clave para aumentar a supervivencia dos pacientes e a súa calidade de vida
O 30 por cento dos pacientes oncolóxicos benefícianse xa da biopsia líquida, unha proba sinxela como unha extracción de sangue, que permite coñecer e facer un seguimento do tumor ao longo da súa evolución.
É o dobre que hai cinco anos. E os oncólogos ven nesta técnica unha ferramenta clave para aumentar a supervivencia dos pacientes e a súa calidade de vida.
Rafael López, xefe de Oncoloxía do CHUS, é o cooordinador do simposio di "que en cinco anos estaremos nun 60 ou 70 por cento de pacientes. Temos que empezar a usala moito máis na clínica diaria. O segundo reto é investigar máis porque o camiño non está percorrido".
E implementar, engade, novas estratexias. A medicina de precisión permite estudar os tumores individualmente e ofrecer un tratamento personalizado.
A presidenta da Sociedade Española de Oncoloxía Médica, Enriqueta Felip explica que "os tumores non son iguais aínda que estén no mesmo órgano. Polo tanto, xa en moitas situacións temos que facer a análise molecular do tumoir para decidir o tratamento máis apropiado".
A biopsia líquida é cada vez máis habitual nos cancros de pulmón e en pacientes con tumores avanzados de colon ou mama. Os investigadores piden máis investimento para avanzar na tecnoloxía e na aplicación da intelixencia artificial nesta técnica.
En 2022 diagnosticáronse 280.000 novos casos de cancro en España. E estímase que esta enfermidade provoca 112.000 mortes ao ano. Son datos que puxeron sobre a mesa os investigadores e oncólogos que participan en Santiago no oitavo congreso da biopsia líquida.