Publicador de contidos
Publicador de contidos

Deteñen dúas persoas nunha operación antidroga na Estrada

Deteñen dúas persoas nunha operación antidroga na Estrada

Un dos detidos é un vello coñecido dos corpos e forzas de seguridade do Estado

G24.gal 14/06/2024 14:44

A Policía Xudicial de Lalín levou a cabo xunto coa Garda Civil da Estrada dous rexistros no marco dunha nova operación antidroga na que foron detidas dúas persoas. O primeiro deles foi nunha vivenda da parroquia de Matalobos, situada na beira da estrada N-640. Tras a inspección do inmoble, o inquilino foi detido e saíu esposado. Descoñécese por agora quen é a segunda persoa detida, pero segundo algún veciño da zona podería ser a súa parella sentimental.

A operación atópase baixo segredo de sumario e non se coñecen nin os cargos que se lles imputan nin se houbo droga comisada. No inmoble xa se realizara outro rexistro  no 2022 no marco doutra operación antidroga e o home resultou condenado o pasado mes de marzo a cinco anos e tres meses de prisión por un delito contra a saúde pública coa atenuante de adicción e a agravante de reincidencia.

Nese mesmo proceso tamén foran condenadas dúas mulleres de Silleda e Arousa a tres anos e seis meses de prisión. Pouco despois da detención de onte levouse a cabo outro rexistro nunha vivenda da parroquia de Tabeirós, a uns 5 quilómetros de distancia de Matalobos, que é propiedade da familia do primeiro detido. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade