Orde nacional e internacional de detención do salesiano condenado por abuso de menores
Orde nacional e internacional de detención do salesiano condenado por abuso de menores
O relixioso vigués está condenado a 32 anos de cárcere, pero non chegou a ingresar en prisión
A Audiencia Provincial de Pontevedra, encargada da execución da sentenza en que condenou a 32 anos e medio de cárcere un sacerdote dun colexio de Vigo por abusar de seis menores, emitiu hoxe un auto en que acordou expedir as ordes de detención e ingreso en prisión de ámbito nacional e internacional do salesiano.
O tribunal destaca na resolución que, segundo o informe remitido pola Garda Civil de Cambados, “fuxiu coa única intención de subtraerse á acción da xustiza e evitar o cumprimento das penas privativas de liberdade ás que foi condenado”.
As maxistradas explican no auto que o salesiano non se presentou de forma voluntaria nun centro penitenciario tras expirar o prazo de tres días que lle concederon o pasado 23 de febreiro, polo que, o día 27, acordaron a remisión dunha orde de detención e ingreso en prisión.
O 13 de marzo, a Garda Civil de Cambados comunicou ao tribunal a imposibilidade de dar cumprimento a esa orde ao non localizalo no seu domicilio.
A Audiencia, tras recibir o informe, acordou expedir as ordes de detención e ingreso en prisión de ámbito nacional e internacional, as cales deberán ser incluídas no Sistema Integrado de Rexistros Administrativos de Apoio á Actividade Xudicial para a súa plena efectividade.
Ademais, requiriu á Comunidade Colexio María Auxiliadora Salesianos, que prestou o día 30 de abril de 2020 unha fianza de 12.000 euros para garantir a liberdade provisional do sacerdote, que, na súa condición de entidade fiadora, no prazo de dez días presente ao condenado ante a Audiencia Provincial de Pontevedra para a execución da sentenza.
As xuízas indican que, en caso de non facelo, adxudicarán a fianza ao Estado.