Publicador de contidos
Publicador de contidos

Os 27 adían a decisión sobre o galego, catalán e éuscaro para avaliar os custos

Os 27 adían a decisión sobre o galego, catalán e éuscaro para avaliar os custos

España propuxo empezar polo catalán para despois incluír as outras dúas linguas

A Generalitat di que o Goberno non cumpriu: "Foi á UE tarde e mal"

O ministro de Exteriores en funcións, José Manuel Albares, este martes en Bruxelas O ministro de Exteriores en funcións, José Manuel Albares, este martes en Bruxelas
G24.gal 19/09/2023 10:58 Última actualización 19/09/2023 13:20

Os países da Unión Europea resístense a tomar unha decisión sobre a petición española de oficializar o uso do catalán, éuscaro e galego na Unión Europea ata que non haxa sobre a mesa un ditame xurídico do Consello da UE sobre as consecuencias da medida e unha análise do seu impacto económico e práctico no funcionamento do bloque.

Así quedou patente tras 40 minutos de discusión na reunión de ministros de Asuntos Xerais da Unión Europea celebrada en Bruxelas e que concluíu sen que o asunto fose votado, porque as delegacións necesitan "máis tempo" para estudar o asunto, informaron fontes europeas.

Unha vintena de ministros tomaron a palabra para expresar as súas dúbidas e a presidencia de quenda que exerce España tomou "nota" das posicións dos seus socios na UE e anunciado que o Consello "retomará o asunto nunha reunión futura", sen aclarar os prazos, sinalaron as fontes.

Primeiro o catalán, despois o éuscaro e o galego

O ministro de Exteriores español, José Manuel Albares, sinalou este martes a vontade do Goberno de despregar primeiro o uso do catalán na Unión Europea, antes que o galego e o éuscaro, a condición de que a UE aprobe primeiro a oficialidade das tres linguas.

"Expuxéronse períodos transitorios, gradualidade desta medida. E propuxemos iniciar a súa despregadura primeiro co catalán e seguidamente coas outras dúas linguas", dixo Albares en declaracións á prensa, despois de que os países da UE discutiran hoxe a proposta española.

Tras a reunión, Albares asegurou que o Goberno "cumpriu co seu compromiso" ao trasladar a solicitude da oficialidade e asegurou que "ninguén manifestou un veto" contra a proposta española, mentres que "algúns Estados membros pediron máis tempo para analizar o seu desenvolvemento e implantación".

Isto, engadiu, canalizarase a través dos grupos de traballo e reunións de embaixadores habituais no Consello da Unión Europea.

Respecto a priorizar a implementación da oficialidade do catalán á de éuscaro e galego, Albares rexeitou que supoña unha discriminación e apuntou a que "o fin" da proposta española segue sendo que as tres formen parte do réxime lingüístico europeo, "pero algúns estados membros expuxeron que tres linguas dunha soa vez era algo máis difícil".

"Abrímonos a que o idioma cuxos representantes solicitaron con máis insistencia a inclusión dentro da modificación do Regulamento e que é falado por máis de dez millóns de persoas sexa o primeiro na súa despregadura", dixo.

España, dixo Albares, volveu reiterar "o seu compromiso para asumir o custo derivado desta reforma" como xa fai para cumprir cos acordos bilaterais co Consello e o Comité das Rexións que permiten a participantes nas súas reunións falar catalán, vasco e galego se o solicitan con polo menos sete semanas de antelación.

Ante os seus homólogos europeos, Albares defendeu que non se trata de "linguas minoritarias", que a proposta non é nova e tamén "a especificidade que constitúe o caso español na Unión", xa que o uso das linguas cooficiais  está recoñecido na Constitución española "a diferenza doutros Estados membros da Unión nos que tamén existen linguas rexionais".

A partir de agora, dixo Albares, a vontade de España é "de avanzar o máis rapidamente posible" para "tentar canalizar" os comentarios que fixeron outros Estados membros á proposta, aínda que non se pronunciou sobre se se pediu formalmente a opinión dos servizos legais do Consello. 

Varios Estados membros da Unión Europea declaráronse este martes defensores do carácter multilingüe do bloque comunitario, aínda que unha maioría insistiu en que antes de tomar unha decisión sobre darlle a oficialidade ao catalán, éuscaro e galego é necesario examinar en profundidade o seu impacto legal e orzamentario.

A Generalitat acusa o Goberno de ir "tarde e mal" co catalán na UE

A portavoz do Govern, Patrícia Plaja, sostivo que o Consello da Unión Europea non aprobou a oficialidade do catalán este martes porque o Goberno fixo "o traballo tarde e mal".

Plaja advertiu de que "os compromisos son para cumprirse e este de momento non se cumpriu", despois de que os estados membros aprazasen a decisión sobre a oficialidade do catalán, éuscaro e galego ata contar cun ditame xurídico do Consello da UE e unha análise do seu impacto económico e práctico.

PPdeG e BNG critican optar por despregamento de catalán antes que o galego na UE

O PPdeG e o BNG criticaron, aínda que por diferentes razóns, a proposta do Goberno de despregar primeiro o uso do catalán, antes que o galego e o eúscaro, na UE, mentres que o PSdeG non se pronunciou sobre esta posibilidade.

Para os deputados do PP galego esta formulación demostra que o Goberno está a empregar o uso das linguas cooficiais no Congreso e a UE como "moeda de cambio" para conseguir os votos para a investidura de Pedro Sánchez.

O BNG rexeita esta proposta ao advertir que non aceptará ningún "trato discriminatorio" da lingua galega en ningunha institución, segundo manifestou a súa viceportavoz no Parlamento galego, Luís Bará.

Mentres, o portavoz parlamentario do PSdeG, Luís Álvarez rexeitou, na conferencia de prensa tras a Xunta de Portavoces deste martes, realizar "ningunha valoración" desta vontade manifestada polo ministro de Exteriores, José Manuel Albares, hoxe en Bruxelas, da que dixo non ter noticia.

 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade