Publicador de contidos
Publicador de contidos

Os atracadores do banco da Gran Vía viguesa tentaran perpetrar outros dous roubos

Os atracadores do banco da Gran Vía viguesa tentaran perpetrar outros dous roubos

A xuíza decretou prisión para os tres homes detidos, mentres a que acordou a liberdade da muller arrestada

Todos eles están investigados por pertenza a banda armada e tres roubos, un consumado e dous en grao de tentativa

Un mes antes do atraco en que levaron 300.000 euros xa tentaran roubar nesa mesma sucursal

G24.gal 25/04/2024 13:27 Última actualización 25/04/2024 15:05

A maxistrada do Xulgado de Instrución número 1 de Vigo decretou  prisión provisional, comunicada e sen fianza para os tres homes detidos, mentres que acordou a liberdade da muller arrestada. Todos eles están investigados por pertenza a banda armada e tres roubos -un consumado e dous en grao de tentativa-. Os tres homes están acusados, ademais, dun delito de tenencia ilícita de armas.

Os catro atracadores xa tentaran perpetrar outros dous roubos en entidades financeiras da cidade galega nos días previos a levar un botín de 300.000 euros dunha sucursal da rúa Gran Vía.

Segundo informa a Policía Nacional nun comunicado, no decurso da investigación descubriron e lograron demostrar que o mesmo grupo efectuara dúas tentativas sen éxito nos días previos.

Un mes antes do atraco en que levaron 300.000 euros xa tentaran roubar nesa mesma sucursal

A primeira, a finais de novembro, foi na mesma entidade que atracaron en decembro e a segunda tivo lugar a primeiros dese mes nunha oficina bancaria en Matamá, onde a actuación se viu frustrada ao non abrirlles a porta os empregados.

Froito da investigación, a Policía conseguiu demostrar tamén que un dos detidos estivo implicado nun atraco perpetrado por dúas persoas provistas dunha arma de fogo e un coitelo nunha clínica dental en Coia a mediados de novembro.

Na madrugada do martes, un dispositivo en que interviñeron membros da Brigada Local de Seguridade Cidadá, da Brigada Local de Policía Xudicial da Comisaría de Vigo-Redondela, GOES (Grupo Operativo Especial de Seguridade), a UIP (Unidades de Intervención Policial) e Guías Caninos, logrou deter os catro membros do grupo nos seus respectivos domicilios, tres deles na localidade pontevedresa de Covelo e un en Vigo.

Nos rexistros das vivendas recuperouse munición, pezas de caracterización, roupa utilizada no atraco, unha arma de fogo auténtica e varias de aire comprimido.

O atraco á entidade de Gran Vía 78, onde se fixeron cun botín que supera os 300.000 euros, produciuse o 7 de decembro á hora de peche, cando tres homes armados con dúas armas de fogo accederon ao interior da sucursal, ataviados con indumentaria que ocultaba parcialmente as súas caras.

No interior atopábanse un cliente e os empregados, a quen fixo abrir as caixas fortes intimidándoos coas armas de fogo, tras o cal encerraron a todos no búnker.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade