Os autores do acoitelamento ao dono dun bar de Ourense decláranse arrepentidos
Os autores do acoitelamento ao dono dun bar de Ourense decláranse arrepentidos
No xuízo recoñeceron a agresión pero pediron que se tiveran en conta as circunstancias
Aseguraron que o ruído da música do bar lles amargaba a vida desde facía un ano
A fiscalía pide 10 anos de cadea para o home e 7 para a muller
O matrimonio que vivía xusto enriba do bar La Mamba asegurou na vista celebrada na Audiencia Provincial de Ourense que a música do local lles amargaba a vida todos os días desde as 12 da mañá ata as 9 da noite. Na súa declaración reiteraron que chamaban habitualmente a Policía Local para denuncialo e que tamén o fixeran o un de maio do ano pasado, data en que se produciu a agresión que agora se xulga.
Tanto o home como a muller recoñeceron que acoitelaron o dono do bar despois de manter con el unha discusión desde o balcón no momento que pechaba o local. Ela foi a primeira en baixar armada cun coitelo de 16 centímetros de folla. Asestoulle varias coiteladas no peito ata que o hostaleiro logrou inmobilizala. Nese momento baixou tamén o home cun coitelo aínda máis grande e asestoulle outra coitelada polas costas.
Malia a iso, as súas defensas pediron a súa libre absolución porque os dous aseguran que "non existía o ánimo de matar"-, recalca Antonio Salgado, o avogado do home acusado-: "Foi o desenlace fatídico dunha situación que ninguén podía agardar."
Os dous imputados recoñeceron os feitos e manifestáronse arrepentidos e pediron que se teñan en conta as circunstancias. O home, que está acusado de tentativa de asasinato, porque a súa coitelada segundo o forense supuxo un risco vital para a vítima, asegurou que só pretendía que soltara á súa muller.
A Fiscalía pide para el 10 anos de cadea e para ela 7, por tentativa de homicidio. As defensas agardan que se apliquen atenuantes que poidan rebaixar considerablemente as penas.
O día do suceso, a intervención dunha médica que estaba no lugar axudou a que o acoitelamento non tivera un desenlace fatal. A fiscala pide que a parella compense a vítima, que hoxe compareceu na vista como testemuña, cunha indemnización de 15.800 euros polos 5 meses que tardou en recuperarse e que tamén se lles aplique unha orde de afastamento -de oito anos a ela e once anos a el- do lugar de residencia ou de traballo do hostaleiro.