Os aeroportos volven á normalidade dunha ponte sen restricións
Os aeroportos volven á normalidade dunha ponte sen restricións
Os viaxeiros tentan recuperar o pracer de viaxar, malia os prezos e a inflación
Os aeroportos volveron recuperar o ritmo no que é a primeira ponte da Constitución e da Inmaculada sen restricións tras dous anos de pandemia. E aínda que agora a preocupación son os prezos e a inflación, moitos viaxeiros eran quen de recuperar o san costume de desfrutar doutros países.
Como acontecía este sábado no aeroporto da Lavacolla, onde moitos viaxeiros apostaban por visitar as principais metrópoles europeas coma Londres ou París.
Había tamén outros que chegaban ao aeródromo galego por motivos familiares, aínda que a maioría eran viaxeiros que recalaban de visita a Galicia con varios obxectivos: o camiño de Santiago e a zona vella, as tendas para mercar na Coruña, e tamén o destino por excelencia destas datas: as luces de Nadal en Vigo. E sen esquecer a Costa da Morte e a Ribeira Sacra e outros paraísos galegos.
Con cifras de viaxeiros batendo marcas durante este ano, os aeroportos galegos recibirán máis visitantes dependendo tamén da meteoroloxía. Iso si, cada vez máis xente escolle o tren para chegar a Galicia, e só nas estradas, espéranse uns cento oitenta mil desprazamentos durante estes días.