Os afectados do voo Spanair sinistrado hai 14 anos denuncian o bloqueo político da investigación
Os afectados do voo Spanair sinistrado hai 14 anos denuncian o bloqueo político da investigación
A presidenta da asociación cre que a presidenta do Congreso puido prevaricar
Batet non enviou á Fiscalía o ditame da comisión de investigación do accidente
Catorce anos despois a Asociación de Afectados segue loitando para que se depuren responsabilidades. Admiten que o desánimo é total e denuncian os intentos de todos os implicados para tapar a verdade dunha das peores traxedias aéreas ocorridas en España. Cren que a presidenta do Congreso puido cometer un delito de prevaricación por non enviar á Fiscalía o ditame da comisión de investigación.
A presidenta da Asociación de Afectados do Voo de Spanair que se esnafrou hai 14 anos en Baraxas explica que cada vez van quedando menos nunha loita, longa e desigual, por coñecer a verdade do sucedido e depurar responsabilidades. Pilar Vera reparte as súas críticas entre a Fiscalía de Madrid, a Comisión de Investigación de Accidentes e Incidentes de Aviación Civil, a liña aérea, a compañía aseguradora e a clase política.
"É que aquí non se aprende nada, que 154 mortos non serviron para nada, é que creo que morreron por nada"
O ano pasado coñeceuse o ditame da comisión de investigación do Congreso dos deputados, que apunta a 18 cargos políticos relacionados co Ministerio de Fomento de 2008. Pilar Vera asegura que Meritxell Batet, a presidenta da cámara, negouse a enviar o informe á Fiscalía.
"A esta señora, presidenta do Congreso, habería que pedirlle explicacións, habería que denunciala por prevaricación, esta señora tomou unha decisión sabendo que era inxusta"
A aeroliña quebrou en 2012 e a causa xudicial pechou hai nove anos pero a Asociación seguirá loitando pola verdade, a xustiza e a reparación.
"Non houbo independencia no informe oficial da traxedia, non hai independencia xudicial, nin lexislativa, e ao final todos, os tres poderes, resúmense no Executivo que ten 'a sartén polo mango' e non se cansou de tapar todo e nós tampouco imos cansar de destapalo"