Publicador de contidos
Publicador de contidos

Os prezos dos alugueiros turísticos en Galicia subiron ata un 15 % este verán

Os prezos dos alugueiros turísticos en Galicia subiron ata un 15 % este verán

A inflación repercute no incremento, pero tamén o contexto de oferta e demanda

Galicia ten, segundo datos do INE, unhas 13.500 vivendas turísticas

Pontevedra é a provincia que concentra a maior oferta e onde os prezos son máis altos

G24.gal 03/07/2022 14:47 Última actualización 03/07/2022 15:06

Galicia ten, segundo datos do Instituto Nacional de Estatística, unhas 13.500 vivendas turísticas. Pontevedra é a provincia que concentra a maior oferta e tamén onde os prezos son máis altos.

Os alugueiros soben en xeral, tamén naqueles de temporada, nos dos pisos turísticos e nos alugueiros vacacionais, que se diferencian polo número de días da estancia nesa vivenda.

A inflación repercute na suba dos alugueiros, pero tamén, evidentemente, o contexto actual de oferta e demanda.

"Cada vez temos máis demanda de alugueiros, a oferta é a que é, polo que ante pouca oferta e moita demanda os prezos van ter que subir sempre, polo que hai que buscar alugueiro con moita máis anticipación", di Carlos Debasa, presidente da Asociación Galega de Inmobiliarias.

Os prezos subiron entre un 10 e un 15 % respecto ao verán de 2021. Este mes de xullo o alugueiro por quincena pode oscilar entre os 1.500 euros e os 2.500, en función do lugar de Galicia escollido e da ubicación e instalacións do inmoble. 

No primeiro trimestre deste 2022 a recuperación dos alugueiros vacacionais superou xa os niveis de 2019 previos á crise sanitaria. 

Nos últimos anos, moitas vivendas dedicadas a un tipo de alugueiro tradicional, de longa duración, pasaron a ser de uso turístico, unha tendencia que, segundo a Asociación Galega de Inmobiliarias, comezou a minguar.

"Tivemos diferentes ciclos. Creo que agora estamos nun ciclo de regulación importante en canto ás vivendas de uso turístico. Toda esta migración masiva e seguramente descontrolada e algo desproporcionada que vivimos nos últimos tempos, están volvendo, a medida que se vai regulando polos concellos, a outros tipos de uso, ao mellor con menos rendibilidade pero si unha rendibilidade a futuro.", asegura Carlos Debasa.

Con todo, a oferta de alugueiro turístico en Galicia é moi ampla. Dependendo da zona e do tipo de vivenda os prezos van desde os 300 aos case 3.000 euros por semana.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade