Os autónomos rexeitan a proposta de Escrivá para reformar as cotizacións
Os autónomos rexeitan a proposta de Escrivá para reformar as cotizacións
ATA cre que a proposta de Escrivá xerará desigualdade entre os traballadores
Unidas Podemos di que tampouco pode asumir o documento
A última proposta do Goberno é que os autónomos paguen á Seguridade Social entre 294 e 991 euros ao mes, dependendo do que ingresen. Con respecto ao documento inicial, eleva a cotización dos que menos gañan e baixa a dos que máis facturan.
Este martes o ministro trasladóullela ás asociacións de autónomos, que a rexeitan por dous motivos. O principal é que se basea nos rendementos netos. Isto quere dicir que dous traballadores que facturen o mesmo poden cotizar diferente con tal de que un teña máis gastos desgravables que o outro.
Ademais, cren que a táboa proposta non é progresiva. Lorenzo Amor, presidente da Federación Nacional de Asociacións de Traballadores Autónomos, explica que "un autónomo que gañe 500 euros ao mes terá que pagar un 43 % á Seguridade Social. Porén, un autónomo que gañe o dobre, 1.000 euros, pagará un 26,4 % do que gañe ao mes ".
Os propios socios de Unidas Podemos falan dunha proposta inasumible, aínda que o ministro nega discrepancias.
Aina Vidal, deputada da formación morada, dixo que "parte desta proposta compartímola, pero hai elementos que nos parecen inadmisibles en termos de levarnos a un escenario máis precario".
José Luis Escrivá, ministro de Inclusión, Seguridade Social e Migracións, responde que "eu o que oín foi a vicepresidenta do Goberno, Yolanda Díaz, agradecer como estamos levando a negociación. Acáboo de oír".
Goberno e autónomos volverán intentar un acordo a semana vindeira.