Publicador de contidos
Publicador de contidos

Os avogados da familia Arrieta viaxan a Tailandia esperanzados co xuízo a Daniel Sancho

Os avogados da familia Arrieta viaxan a Tailandia esperanzados co xuízo a Daniel Sancho

"A compra dos coitelos, das bolsas e da cinta no supermercado. A denuncia da desaparición, logo recoñecer que efectivamente acabou coa súa vida..., para nós son elementos incriminatorios", di o letrado Juango Ospina.

G24.gal 05/04/2024 14:53

O próximo martes, oito meses despois da súa detención, Daniel Sancho responderá na corte da illa de Koh Samui polo presunto asasinato e despezamento do cirurxián colombiano Edwin Arrieta ocorrido en agosto de 2023.

Hai previstas 15 sesións e, cando menos, 50 testemuñas. A maioría son do fiscal e a defensa, que entre outros citou o pai do acusado, o actor Rodolfo Sancho. 

Os avogados da familia do cirurxián viaxan xa cara a Tailandia. Contaban con que os pais de Arrieta puidesen demostrar por videoconferencia que el era o único sustento económico da familia. Pero a corte tailandesa rexeitou os testemuños, alegando falta de medios técnicos.

Juango Ospina, dese equipo legal explica que "o feito de que non vaian declarar non cambia a estratexia, a nosa liña. O elemento económico xa o achegamos pero si botamos de menos o lado máis humano".

Daniel Sancho, en prisión desde o sete de agosto, está acusado dos delitos de asasinato premeditado e de agochar o corpo de Arrieta despois de despezalo.

Nun principio, o español confesou o crime á policía tailandesa. E a días do xuízo mantén que actuou en defensa propia. 

A familia da vítima di que confía na xustiza e intentará demostrar que o crime foi planificado. O seu avogado mantén que "a compra dos coitelos, das bolsas e da cinta no supermercado. A denuncia da desaparición, logo recoñecer que efectivamente acabou coa súa vida..,. para nós son elementos incriminatorios".

A defensa de Daniel Sancho di que foi un homicidio imprudente por unha pelexa. Se non consegue eliminar a premeditación do crime, Daniel Sancho podería ser condenado á pena de morte.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade