Publicador de contidos
Publicador de contidos

Os axentes sociais fixan as liñas vermellas para negociar os convenios colectivos

Os axentes sociais fixan as liñas vermellas para negociar os convenios colectivos

A patronal pide moderación salarial para non crear unha "espiral inflacionista" mentres que os sindicatos reclaman subas para que os traballadores recuperen poder adquisitivo

Imaxe de arquivo dunha xuntanza para o diálogo social
G24.gal 12/02/2022 12:09

Empresarios e sindicatos marcan as súas prioridades paras as negociacións dos convenios colectivos deste ano. De entrada coinciden en que a elevada inflación actual vaise ir reducindo cara finais de ano e que as taxas do 5 ou 6 por cento non se deben tomar como referencia. Atribúena aos custos das materias primas, das enerxías, dos transportes e ao bloqueo nos subministros no comercio internacional.

Entrevistado no Galicia por diante fin de semana da Radio Galega o vicepresidente da CEOE, Íñigo Fernández De Mesa, aposta pola moderación salarial. Asegura que as subas que se pacten nos novos convenios teñen que ser prudentes a medio prazo porque unha alza excesiva sería prexudicial pró mercado laboral. 

De Mesa amosouse moi crítico co proceder do Goberno, ao que acusou de poñer cada vez máis atrancos para que as empresas poidan contratar. Nese senso, afirmou que nos últimos 4 anos a fiscalidade aumentou 4 puntos mentres que nos países da contorna se mantivo ou mesmo baixou.

Sobre a reforma laboral aprobada hai 2 semanas, o vicepresidente da CEOE  explicou que os cambios foron continuistas respecto á anterior e que vai contribuír a darlle estabilidade ao mercado laboral.

Íñigo Fernández De Mesa: "o problema é a estratexia global do Goberno que cada vez lle pon máis atrancos ás empresas".  

Pola súa banda, tamén na Radio Galega, o secretario xeral de Comisiones Obreras, Unai Sordo, explicou que de cara á negociación dos convenios colectivos aínda non teñen unha cifra pechada de cal será o aumento salarial que pedirán. Iso si, recoñeceu que non sería realista pretender que chegue á actual taxa de inflación, de arredor do 5 por cento.

Sordo asegurou que a reforma laboral vai ter dúas consecuencias case inmediatas: unha redución drástica da temporalidade e o reequilibrio da negociación colectiva coa recuperación da ultraactividade. Ademais sinala que a medio prazo ofrece mecanismos para que as empresas teñan alternativas ós despedimentos.

Unai Sordo:"hai que garantir o poder adquisitivo dos traballadores e pactar salarios a medio-longo prazo".

O secretario xeral de Comisiones Obreras tamén destacou o novo incremento do Salario Mínimo Interprofesional -SMI- . Cre que o feito de que a patronal non o apoiase non condiciona futuras negociacións cos empresarios e lémbralles que en 2018 a CEOE xa estaba disposta a pactar uns salarios mínimos de 14.000 euros ao ano.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade