Os axentes sociais rexeitan a proposta dos novos ERTE que presentou o Goberno
Os axentes sociais rexeitan a proposta dos novos ERTE que presentou o Goberno
Patronal e sindicatos din que é "intervencionista" e que atrasa a negociación
Nin a patronal nin os sindicatos avalan o novo modelo dos ERTE que propón o Goberno, que inclúe tres tipos de expedientes de regulación temporal de emprego. Para a patronal é un sistema enleado, máis caro para as empresas, e que non mellora en nada a proposta actual.
Antonio Garamendi, presidente da CEOE, considera que "está chea de conceptos bastante ideolóxicos que non deberían de estar. É sorprendente que veña de Nadia Calviño".
Os sindicatos consideran que a proposta non fai máis que minorar a negociación sobre a reforma laboral, aberta desde hai oito meses. E que vai poñer máis difícil o acordo.
"Non nos convenceu nada, é un refrito. Parécenos que este documento non achega nada a estas alturas da negociación", di Pepe Álvarez, de UXT.
A ministra de Traballo non entra a avaliar a proposta, que xa non parte do seu ministerio, senón do de Nadia Calviño. E pide discreción a todas as partes para seguir traballando na mesa de diálogo social.
"Non me vou levantar desa mesa ata que cheguemos a un acordo, así que pido que traballemos con discreción, con intelixencia e polo ben do país", di Yolanda Díaz.
O desacordo sobre os ERTE ameaza con atrasar a negociación da reforma laboral, que o Goberno quería ter pechada este mes.