Publicador de contidos
Publicador de contidos

Os axudantes dos Reis Magos buscan alternativas aos xoguetes esgotados

Os axudantes dos Reis Magos buscan alternativas aos xoguetes esgotados

As mascotas virtuais foron os artigos con máis demanda e hai varios modelos sen stock

En declaracións á TVG, Melchor, Gaspar e Baltasar amosáronse favorables aos agasallos sorpresa e de tipo educativo

G24.gal 02/01/2023 14:43

Os Reis Magos preparan a súa viaxe desde Oriente, mentres paxes e axudantes se afanan en conseguir os agasallos. Non é un labor nada sinxelo, porque hai xoguetes que son moi difíciles de atopar. Como adoita pasar todos os anos, hai xoguetes que piden tantos nenos que as fábricas non dan abasto. Nestes casos, en almacéns de xoguetes dannos dúas opcións: ou buscar un xoguete semellante ou agardar a que as fábricas produzan máis e volva haber dispoñibilidade.

Mascotas virtuais, que reaccionan cando as acariñas, son dos artigos máis demandados este ano para Reis. Tamén dos máis caros. Quedan dinos e ponis, pero as cobaias están esgotadas. O Tamagochi de sempre xa non o hai e hai que levar un máis sofisticado, con cámara e todo.

E medio esgotadas tamén as máquinas da verdade e as ruletas da fortuna. Por iso, os Reis encargan a paxes e resto de voluntariado que lles axuda a que busquen alternativas ou agasallen os nenos co don de aprender a esperar.

Segundo fontes consultadas pola TVG, os Reis afirman que os agasallos que non se esperan e son sorpresa son moitas veces os que acaban gustando máis.

Os de Oriente quixeran levar nos camelos máis libros e xogos educativos e colaborativos. E feitos por artesáns de proximidade: non teñen tanta publicidade pero son xogos para o enxeño, que fomentan compartir ideas, a colaboración, e que poñen en valor os obradoiros locais.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar