Os bancos deben informar da demanda contra a comisión de apertura de hipotecas
Os bancos deben informar da demanda contra a comisión de apertura de hipotecas
A demanda colectiva vai ser tramitada pola Asociación Galega de Consumidores e Usuarios no xulgado da Coruña
En Galicia pode haber máis de 250.000 afectados por unha comisión que o Tribunal de Xustiza da UE xa rexeitou
De aquí a fin de mes, once entidades bancarias deberán informar a todos os seus clientes que pagaron unha comisión de apertura dunha hipoteca, de que poden participar na demanda colectiva da Asociación Galega de Consumidores e Usuarios para a devolución deses cartos.
Así o establece o Xulgado de Primeira Instancia nº 11 da Coruña a petición da Asociación. O Tribunal de Xustiza da Unión Europea xa declarou nulas estas comisións.
Estímase que nos últimos vinte anos arredor de catro millóns de compradores dunha vivenda en España pagaron unha comisión de apertura polo seu préstamo hipotecario que o Tribunal de Xustiza da Unión Europea xa rexeitou, ao entender que non responde a un servizo concreto prestado polo banco.
Acouga, a Asociación Galega de Consumidores e Usuarios prepara unha demanda colectiva para reclamar estes cartos.
Ante a Lei de protección de datos que lles impide ter acceso aos potenciais prexudicados, o xulgado obrigou as entidades bancarias a comunicarlles aos seus clientes a posibilidade de sumarse á reclamación.
"Os consumidores galegos recibirán este mes unha carta da súa entidade bancaria pero asinada polo presidente de Acouga onde se lles indican as condicións para incorporarse á demanda colectiva. Son moi sinxelas, simplemente ser socio de Acouga polo menos durante o tempo que dure o trámite da demanda colectiva. O custo é de 10 euros ao mes. Como se articula esta adhesión? Hai que enviar un correo electrónico presidencia@acouga.net", detalla Xosé Antón Pérez Lema, secretario xeral de Acouga.
Para unha hipoteca media de 150.000 euros a comisión de apertura cobrada no seu día situouse entre os 750 e os 1.200 euros que se reclamarán, máis os atrasos correspondentes.
"Quen se pode incorporar? Todos os consumidores que fixesen un préstamo hipotecario dirixido á adquisición dunha vivenda: habitual, de segunda residencia, vivenda de familiares ou que pode ser un investimento persoal. Calculamos entre 250.000 e 300.000 persoas afectadas en Galicia entre 1998 e a entrada en vigor da Lei de crédito inmobiliario de 2018", explica Lema.
A demanda presentarase nos xulgados da Coruña por ter Abanca a súa sede social na cidade. A idea é ampliar a reclamación ao resto de afectados do Estado nos próximos meses.