Os bombeiros comarcais toman Santiago para reclamar “condicións dignas”
Os bombeiros comarcais toman Santiago para reclamar “condicións dignas”
Os bombeiros comarcais lamentan que tras un mes de folga practicamente non se produciron avances
Piden a conversión a persoal laboral fixo dos efectivos e un convenio autonómico
Os bombeiros dos parques que dependen dos catro consorcios provinciais, integrados polas respectivas deputacións e a Xunta de Galicia, tomaron as rúas de Santiago nunha manifestación que arrincou no Parlamento de Galicia e finalizou no edificio da Dirección Xeral de Emerxencias, en Fontiñas.
No transcurso do percorrido tamén se concentraron fronte ao edificio administrativo da Xunta de Galicia en San Caetano.
Na marcha participaron máis dun cento de traballadores ataviados cos seus uniformes, que percorreron as rúas con bengalas e petardos, para reclamar “condicións dignas”.
Folga indefinida
Os bombeiros comarcais lamentan que tras un mes de folga practicamente non se produciron avances nas negociacións dos consorcios de bombeiros, polo cal decidiron manter a folga indefinida iniciada o pasado quince de xuño.
O colectivo reclama que se cumpra unha sentenza do Tribunal Supremo do ano pasado para a conversión a persoal laboral fixo dos efectivos e demanda un convenio autonómico coas mesmas condicións para os traballadores, unido á mellora de medios e aumento de persoal.
Nun comunicado asinado polos sindicatos CIG, CC.OO., UXT, USO, CSIF e Sibgal, que repartiron ao seu paso polas rúas, denuncian que o colectivo está “mal xestionado, mal dimensionado e mal pago”.
Ademais, reprochan a desatención que están a sufrir por parte das administracións a pesar de que tras a vaga de incendios de 2020 os alcumaban de “heroes”, mentres agora, á súa maneira de ver as cousas, queren tratalos coma a “escravos”.