Publicador de contidos
Publicador de contidos

Os científicos tratan de explicar o comportamento das candorcas no litoral galego

Os científicos tratan de explicar o comportamento das candorcas no litoral galego

Producíronse unha vintena de interaccións destes cetáceos con veleiros no que vai de mes

G24.gal 20/08/2022 14:55 Última actualización 20/08/2022 15:16

Nin hai receitas máxicas nin hai que esquecer que as candorcas son especies protexidas. Os científicos tratan de comprender a actitude dalgúns grupos destes cetáceos que levan tres veráns protagonizando diversos incidentes cos veleiros, especialmente entre Fisterra e Estaca de Bares.

"O ano pasado a maior parte das interaccións foron no sur, no estreito de Xibraltar. Este ano hai menos que o ano pasado, pero trasladáronse de novo á zona de Galicia", relata Alfredo López, biólogo da Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños (Cemma).

As candorcas chegan ao litoral galego tras os atúns, pero en 2020 empezaron a producirse incidentes cos veleiros, que sufrían a rotura dos temóns e quedaban avariados, ademais do desagradable susto para os tripulantes. Os científicos tratan de saber se se trata dun xogo para os cetáceos ou vén dunha mala experiencia previa con embarcacións similares, pero descartan unha motivación agresiva.

"Non identificamos perigo para as persoas, de xeito directo, outra cousa é que ao producirse algún movemento brusco a bordo do barco se poida producir algunha lesión. Por iso hai que ter algunha precaución", lembra o biólogo do Cemma.

No que vai de mes, a páxina Orcaibérica rexistrou xa dezanove interaccións dos cetáceos con veleiros no litoral galego. Os técnicos recomendan no caso de avistamento deter o barco e manter a radio acesa por se cómpre pedir auxilio.

"A aplicación do protocolo non elimina a interacción, pero na maior parte dos casos é de menor duración e intensidade.  Todo isto hai que facelo se é posible. Estamos analizando a situación de poder navegar cara atrás porque esa actividade podería disuadir as candorcas", expón Alfredo López.

Os científicos tamén piden evitar navegar pola noite, xa que no caso de necesitar rescate a operación podería complicarse. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade