Os coches colapsan O Hío en Cangas
Os coches colapsan O Hío en Cangas
Os veciños e veciñas desta parroquia denuncian a masificación que padecen un verán máis
Entenden que nestes meses de bo tempo a xente queira gozar das praias, pero non que o fagan á conta de estacionar ocupando as súas propiedades
As imaxes desta fin de semana repítense unha e outra vez na parroquia do Hío, en Cangas. Ringleiras de coches colapsados para poder acceder a praia de San Xián pola única vía de acceso. Un camiño antigo que coa chegada do verán se converte en instransitable.
"Non me deixaban pasar os coches. Estacionados o meu lado díxenlle a un deles se me ía levar os pés, que tivera coidado".
Os veciños e veciñas desta parroquia do Hío son os máis prexudicados. Existen leiras aparcadoiros pero rápido se enchen e os turistas deixan os seus vehículos mal estacionados. Loli López é a Tesoureira da Asociación de veciños Terra da Laxe de Pinténs.
"E claro nós tamén necesitamos convivir con eles pero é imposible. Intentar cruzar un paso de peóns é dificilísimo, queres saía a porta da túa casa e os coches a están atrancando".
Algunhas veciñas ata teñen que saír con moita antelación os seus traballos, sobre todo nas fins de semana, para no chegar tarde. E así, case a diario.
E aínda que levan anos así, aseguran que a situación xa é insostible. Por iso, decidiron saír á rúa esta fin de semana para facer visibles as súas protestas. Merchi Villar, presidenta da Asociación de veciños Terra da Laxe de Pinténs.
"Nós non estamos en contra do turismo, todo o contrario. O turismo se é san non ten problema. O que pasa que isto xa é demasiado e o que queremos ter é unha seguridade porque se pasa calquera emerxencia que pasa".
As solucións pasan por aparcadoiros disuasorios ou que volva a Policía Local ao rural para poder sancionar os coches mal estacionados. Esperanza Veiga é a presidenta da Asociación de veciños de Viñó.
"A policía acolleuse a lei e di que eles non teñen potestade para multar no rural e a subdelegación do Goberno di que actuarán en emerxencias e os veciños nos barrios estamos literalmente vendidos".
Mesmo este luns, sobre as once da mañá o tráfico xa era intenso nesta zona pero tamén en Viñó. Atopamos moito turista portugués, que chegan ata aquí guiados polas redes sociais.
"Non publiquei aínda un vídeo sobre esta praia pero trouxen un dron para facer imaxes e falar un pouco sobre ela".
E como el son moitos os turistas que publican os encantos destas praias que ansían recibir turistas pero dunha maneira máis controlada e cívica.