Os coches galegos teñen de media uns 16 anos
Os coches galegos teñen de media uns 16 anos
O 55 % dos turismos superan xa os 15 anos
O parque móbil é cada vez máis antigo: en España a media de idade dos coches supera os 14 anos, e en Galicia rozan os dezaseis anos. Chama a atención a porcentaxe de vehículos de máis de quince anos que circulan polas estradas españolas: máis do 48 % en todo o Estado, e máis do 55 % en Galicia.
Nótano nos talleres. Cada vez estiramos máis a vida dos coches. Pablo González apunta que "o coche ben mantido pode resistir o que o cliente queira, pero as pezas vanse gastando. Con 20 anos hai que cambiarlle algunhas cousas".
Máis da metade dos turismos que circulan polas estradas galegas teñen máis de 15 anos. Os condutores recoñecen que se resisten a cambiar de automóbil. Non só o prezo, tamén as dúbidas sobre o tipo de motor frean estas compras.
Os fabricantes reclaman incentivos e destacan que un vehículo novo é máis sostible e seguro que un vello. Por cada turismo novo matriculado, véndense 1,3 de máis de 10 anos. Pedro Pérez explica que "a xente prefire mercar un coche de transición, ata que non estea máis claro o do eléctrico e cando estea máis asentado xa mercar un novo".
Con todo isto, a media de idade do parque móbil galego roza os 16 anos. Na última década esa media aumentou en tres anos.