"Galicia necesita máis medios para loitar contra o narcotráfico"
"Galicia necesita máis medios para loitar contra o narcotráfico"
Os colectivos antidroga piden refozar os medios de loita contra o narcotráfico en Galicia
Apartado das olladas dos curiosos, os axentes da Policía Científica inspeccionan polo miúdo o narcosubmarino que desde onte permanece custodiado nesta nave do porto de Vilagarcía. O achado casual do Poseidón, baleiro, é para os colectivos antidroga a constatación de que as organizacións de narcotraficantes seguen especializándose para introducir a cocaína en Galicia e España.
Malia que é o segundo que se atopa en augas galegas, cren que o seu uso xa é habitual polas redes criminais, que hai anos que empregan narcosubmarinos de factura similar para introducir a droga en América Central. Polo que saben, estes somerxibles adoitan construírse en estaleiros clandestinos en América do Sur. Unha tripulación mínima, guiada por un piloto experto, realiza a perigosa travesía polo océano.
Na ría descargan a mercadoría en lanchas rápidas e afunden o somerxible para borrar probas. Neste caso supoñen que houbo algún fallo no cálculo do calado e o Poseidón non chegou a afundirse. Por iso, na fundación insisten na necesidade de reforzar os medios de loita contra o narcotráfico en Galicia e que o tema estea na axenda política.
Aseguran que un indicador de que hai moita droga circulando no mercado é que a cocaína baixou o prezo. Cren que hai sobreprodución nos países de orixe e as redes criminais seguen utilizando Galicia como porta de entrada dos estupefacientes cara a Europa.