Os partidos apuran os acordos para os plenos de investidura nas cidades do país
Os partidos apuran os acordos para os plenos de investidura nas cidades do país
Na Coruña e Lugo xa están pechados, pero en Santiago e Pontevedra quedan flocos pendentes
O acordo entre socialistas e nacionalistas para que Inés Rey repita como alcaldesa da Coruña por segundo mandato consecutivo limitarase á investidura.
Di o BNG que o fai por lealdade ao pacto acadado co PSdeG, pero é crítico coa postura dos socialistas durante as negociacións. Acúsaos de facer unha lectura equivocada do resultado das eleccións. "Se A Coruña vai ter un Goberno en solitario é responsabilidade exclusiva do Partido Socialista", di Francisco Jorquera.
Máis cordiais resultaron as negociacións en Lugo, onde se reeditará o Goberno de coalición entre PSdeG e BNG. Lara Méndez repetirá como alcaldesa por terceiro mandato consecutivo. "Tocaranos seguir avanzando na organización tras do pleno de investidura", asegura Lara Méndez.
"Será unha formulación semellante á que tivemos nestes catro anos porque entendemos que funcionou", afirma Rubén Arroxo.
En Pontevedra, as negociacións entre nacionalistas e socialistas seguen abertas. O Partido Popular foi a forza máis votada, un aval que lle serve a Rafael Domínguez para postularse á alcaldía no pleno de investidura ante a actitude, di, das forzas de esquerdas.
"Coñezo as diferenzas entre PSOE e BNG e creo que é negativo que dous partidos que non se entenden queiran dirixir Pontevedra", mantén Domínguez.
En Santiago, a nacionalista Goretti Sanmartín gobernará en coalición con Compostela Aberta, aínda que o pacto non está pechado. Os socialistas rexeitaron participar no goberno, pero si lle darán o apoio na investidura.
"Estou seguro que o partido socialista actuará con altura de miras aínda que nós non puidemos contar con ela sobre todo nos dous últimos anos de mandato", afirma o alcalde en funcións, Xosé Sánchez Bugallo.
Con todo, Bugallo cre que o goberno en Compostela será complicado con 8 concelleiros dunha corporación de 25.