Publicador de contidos
Publicador de contidos

Os conservadores de Sunak perden dous escanos nunhas eleccións parciais en Inglaterra

Os conservadores de Sunak perden dous escanos nunhas eleccións parciais en Inglaterra

As dúas vitorias laboristas en senllas circunscricións consolidan a formación de Keir Starmer como favorita para gañar as próximas eleccións lexislativas no Reino Unido

Os escanos quedaran vacantes tras a renuncia dos deputados conservadores

A deputada laborista pola circunscrición de Wellingborough Gen Kitchen A deputada laborista pola circunscrición de Wellingborough Gen Kitchen
G24.gal 16/02/2024 09:23

O Partido Conservador do primeiro ministro británico Rishi Sunak encaixou un duro golpe ao perder fronte aos laboristas de Keir Starmer dous escanos en senllas eleccións parciais celebradas o xoves en Inglaterra.

Ao rematar este venres o reconto de votos, a candidata laborista Gen Kitchen gañou na circunscrición de Wellingborough, en mans dos tories desde 2005, cun 45,9 % do voto, un avance de 19,5 puntos fronte ao resultado nas eleccións xerais de 2019 e o maior transvasamento desde a II Guerra Mundial.

A aspirante conservadora Helen Harrison cedeu 37,6 puntos porcentuais, ata o 24,6 %, cunha participación nesa cita electoral do 38,1 %.

Pola súa banda, o laborista Damien Egan fíxose con Kingswood, feudo conservador desde 2010, cun 44,9 % do sufraxio, un incremento de 11,5 puntos porcentuais, cunha participación do 37,1 %.

O seu rival conservador, Sam Bromiley, obtivo un 34,9 % do voto, un descenso de 21,3 puntos porcentuais fronte ao resultado do seu partido nos comicios de 2019.

As vitorias laboristas consolidan a formación de Keir Starmer como favorita para gañar as próximas eleccións lexislativas

Estas dúas vitorias laboristas consolidan a formación de Starmer como favorita para gañar as próximas eleccións lexislativas no Reino Unido, previstas para a segunda metade do ano.

Con todo, o experto electoral británico John Curtice alertou este venres de que a baixa participación nas dúas eleccións parciais, aínda que normal neste tipo de citas, reflicte máis o descontento do electorado cos tories ca un grande entusiasmo polos laboristas.

De feito, aínda que o laborismo de Starmer encabeza hai meses as enquisas para unhas xerais, a percepción do partido e sobre todo do líder oscila, e os cidadáns sinalan que descoñecen cales son as súas propostas concretas.

Os escanos quedaran vacantes tras a renuncia dos deputados conservadores

Estes dous escanos na Cámara dos Comúns (baixa) británica quedaron vacantes tras a marcha por diferentes motivos dos anteriores deputados conservadores Chris Skidmore, de Kingswood (oeste de Inglaterra), e Peter Bone, de Wellingborough (centro).

Skidmore dimitiu do seu escano na circunscrición de Kingswood o pasado xaneiro en protesta polo plan do Executivo de impulsar a extracción de petróleo e gas no mar do Norte.

O laborista Egan, o seu substituto, permanecerá pouco tempo nos Comúns, pois prevese que a súa circunscrición sexa abolida nunha redistribución do territorio antes dos comicios xerais.

No caso de Wellingborough, o conservador Peter Bone foi expulsado despois de ser suspendido durante seis semanas por acoso e conduta sexual non apropiada cara a un empregado.

A Cámara dos Comúns ten 650 escanos, dos cales 349 son conservadores, 199 laboristas e 43 do Partido Nacional Escocés (SNP), entre outras formacións.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade