Os dirixentes de Resistencia Galega aceptan 28 anos de prisión por terrorismo
Os dirixentes de Resistencia Galega aceptan 28 anos de prisión por terrorismo
Antón García Matos e Asunción Losada Camba aceptaron a pena de 28 anos e tres meses de cadea na vista de conformidade celebrada este luns na Audiencia Nacional
Chegaron a un acordo coa Fiscalía, que pedía inicialmente penas que sumaban 126 anos de prisión
Antón García Matos e Asunción Losada Camba, dirixentes da organización Resistencia Galega, aceptaron a pena de 28 anos e tres meses de prisión na vista de conformidade celebrada este luns na Audiencia Nacional, tras alcanzaren o venres un acordo coa Fiscalía, que pedía inicialmente penas que sumaban 126 anos de prisión.
Deste xeito, García Matos, alias Toninho, foi condenado a oito anos de cárcere por un delito de pertenza a organización terrorista como dirixente, a unha pena doutros oito anos de prisión por fabricación, tráfico e subministración de explosivos, a oito anos por fabricación e posesión de artefactos explosivos, a dous anos e medio de cárcere por posesión ilícita de armas e a un ano e nove meses de prisión (máis multa de 270 euros) por falsidade documental.
A mesma pena aceptou Asunción Losada Camba e, do mesmo xeito que Toninho, a condena leva aparellada a inhabilitación absoluta e a medida de liberdade vixiada.
Miguel García Nogales tamén admitiu os cargos e foi condenado a catro anos e medio de cárcere por pertenza a organización terrorista.
Pola súa banda, Xoán Manuel Sánchez aceptou a pena de tres anos de prisión, tamén por integración en organización terrorista.
Tan só Rodríguez fixo uso do seu dereito á última palabra para manifestar que aínda que recoñece os feitos que se lle imputan e acepta a sentenza do tribunal considera que nin a el nin aos outros acusados os define o cualificativo de terroristas. "A miña militancia nunca estivo orientada ao terror senón ao contrario cara ao amor, milito por amor a Galicia, que é un país que está en período de extinción", concluíu.
No seu escrito de acusación o Ministerio Público indica que Antón García Mato e Asunción Losada Camba, detidos en xuño de 2019 en Vigo, dirixían esta banda terrorista co obxectivo de lograr a independencia de Galicia respecto de España e unha parte do norte de Portugal "xustificando o emprego da violencia contra persoas e bens como único medio de lograr os seus propósitos".