Publicador de contidos
Publicador de contidos

Os donos de pisos turísticos opóñense ás limitacións municipais

Os donos de pisos turísticos opóñense ás limitacións municipais

Os propietarios negan ser a causa da suba dos alugueiros e afirman que xeran un impacto económico de cen millóns de euros só en Galicia

G24.gal 04/02/2023 14:52 Última actualización 04/02/2023 18:35

A proliferación de vivendas de uso turístico nos últimos anos ocasionou a creación de restricións en concellos coma Pontevedra, Oleiros e Santiago de Compostela. Neste último, consideran que os propietarios de pisos turísticos realizan unha actividade económica polo que se lles esixe unha autorización municipal, requisito ao que se opoñen os afectados.

"Entendemos que fiscalmente, a nivel de Facenda, non facemos unha actividade económica, senón que é como se fose un alugamento convencional, entón o que non podemos facer é que para unhas cousas non somos actividade económica e para outras si", comenta Dulcinea Aguín, presidenta de Aviturga (Asociación de Vivendas Turísticas de Galicia).

En Santiago, os propietarios afectados pola normativa municipal, aseguran que están a sufrir xa as consecuencias.

"Os turistas quedaron sen aloxamento e tiveron que buscar outro. E os propietarios quedaron sen ingresos despois de levar case dous anos sen gañar por causa da pandemia", relata Estrella Ferreiro, voceira dos propietarios de VUT (vivendas de uso turístico) de Santiago.

Fronte á normativa do concello compostelán, avalada polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, os donos de pisos turísticos negan ser a causa da falla de alugueiro ou da suba de prezos.

"As vivendas de uso turístico que hai en Galicia son 17.203, un 1,07 por cento do total, pero, por outra parte, hai trescentas mil vivendas baleiras en toda a comunidade, o que supón un 18 por cento, e diso ninguén fala", matiza Dulcinea Aguín.

Os representantes dos propietarios aseguran que crean un impacto económico de cen millóns de euros anuais, froito dunha nova demanda diferenciada da oferta hostaleira tradicional.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar