Publicador de contidos
Publicador de contidos

Os donos de pisos turísticos terán que ofrecer máis información ás autoridades

Os donos de pisos turísticos terán que ofrecer máis información ás autoridades

Deberán ter un número de rexistro público e terán que dar datos mensuais á sobre o número de noites e de hóspedes aos que se ofreceu aloxamento

G24.gal 02/03/2023 16:56 Última actualización 02/03/2023 17:07

Os países da Unión Europea chegaron este xoves a un acordo para obrigar ás plataformas de alugueiros turísticos como Airbnb a ser máis transparentes, co obxectivo de combater os pisos ilegais e poder desenvolver mellores políticas de acceso á vivenda.

A normativa, que aínda ten que entrar en vigor, obrigará aos propietarios dos pisos a ter un número de rexistro público que terán que mostrar aos clientes e que lles permitirá identificarse ante as autoridades.

As plataformas, ademais, terán que proporcionar datos mensuais á administración sobre o número de noites e de hóspedes aos que se ofreceu aloxamento.

Unha proposta que a España lle parece "razoable", porque supón "un paso máis da UE na loita contra a fraude no sector turístico", segundo dixo a secretaria de Estado de Turismo, Rosana Morillo, durante a súa intervención no debate que mantivo cos seus homólogos europeos.

"Axudará a evitar a oferta ilegal, a cal causa conflitos nas comunidades locais, aumentando o problema de acceso á vivenda e a competencia desleal", sinalou.

O intercambio de datos entre as plataformas e as autoridades axudará ademais á administración para desenvolver políticas públicas en materia, por exemplo, de transporte, de recollida de lixos e, en xeral, de xestión sobre os fluxos turísticos.

Bruxelas quere harmonizar a regulación no mercado único, xa que os alugueiros de curta duración impulsados polas plataformas dixitais representan aproximadamente un 25% dos aloxamentos turísticos na UE, unha tendencia que continuou tamén durante a pandemia, segundo os datos da Comisión Europea.

O Parlamento Europeo aínda ten que pronunciarse sobre o texto no segundo semestre deste ano, nunha normativa que terá que seguir impulsado España durante a presidencia rotatoria da UE que asuma a partir do 1 de xullo.

Nun comunicado emitido tras a votación de hoxe no Consello da UE, Airbnb dixo que "hai unha serie de zonas na UE, como Barcelona e Bruxelas, onde as normas sobre alugueiros de curta duración restrinxen a posibilidade dos anfitrións para beneficiarse do uso compartido do fogar" e pediu aos lexisladores europeos que aborden esta cuestión durante as negociacións. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade