Publicador de contidos
Publicador de contidos

O papa pide a empresarios galegos que recen por el para poder ir a Santiago

O papa pide a empresarios galegos que recen por el para poder ir a Santiago

Unha representación da CEG preséntalle as súas inquietudes ao santo pai

Francisco convidoulles a ser creativos para que a economía "estea máis atenta aos principios éticos"

G24.gal 17/10/2022 14:30

O veto a pesca de fondo chegou hoxe ata o Vaticano. Os empresarios galegos pedíronlle ao papa Francisco que interceda polos barcos galegos que xa non poden pescar nas augas de 87 áreas a máis de 400 metros de profundidade. 

Nese encontro, o papa díxolles que a esencia dun empresario é o coidado. Deben coidar dos seus, da súa familia, do medio ambiente, e sobre todo coidar tamén dos seus empregados.

O presidente da Confederación de Empresarios de Galicia faloulle ao Papa das dificultades que atopan os emprendedores galegos para traballar e tamén lle deixou unha mensaxe do Arcebispo de Santiago para lembrarlle ao Papa que Galicia o espera.

Francisco respondeulles que ten a viaxe a Santiago na cabeza, e pediulles que recen por el para que se poida concretar.

A delegación acudiu ao Vaticano con ocasión da conmemoración do 40 aniversario da organización empresarial galega e para agradecer a Francisco a oportunidade que supuxo para o tecido produtivo galego a concesión da prorroga do Ano Santo.

O presidente da CEG afirmou que o papa "coñece moi ben as problemáticas que ten o mundo empresarial" e está "preocupado por aspectos relacionados co medio ambiente e a focalización das persoas para que no futuro teñamos unha sociedade máis adecuada".

Pola súa banda, o papa pronunciou un discurso durante esta audiencia, en que tamén participaron a Confederación Española de Asociacións de Novos Empresarios, na que lles dixo que a miseria "ten que ser combatida, e para iso vostedes teñen bos instrumentos, como a posibilidade de crear empregos, e contribuír así a dignificar aos seus próximos".

"A conversión económica será posible cando vivamos unha conversión do corazón; cando sexamos capaces de pensar máis nos necesitados; cando aprendamos a antepoñer o ben común ao ben individual", dixo.

E convidoulles a ser creativos para que a economía "estea máis atenta aos principios éticos e non se esqueza de que a súa actividade está ao servizo do ser humano, non só duns poucos, senón de todos, especialmente dos pobres", e engadiu que un bo empresario "coida" as persoas.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade