Os enxeñeiros cuestionan a falta de protección dos piares da ponte de Baltimore
Os enxeñeiros cuestionan a falta de protección dos piares da ponte de Baltimore
Os expertos apuntan tamén a carencia de remolcadores para o apoio nas manobras portuarias
José Ramón Álvarez Arnau acumula case 50 anos de experiencia profesional. Foi xefe de obra da ponte de Rande e cústalle comprender a falta de elementos de protección nunha estrutura coma a de Baltimore, construída tamén nos anos 70.
"A ponte de Rande arredor dos piares conta cunhas cepas de formigón para que os barcos que se achegan choquen antes con estas proteccións que se coñecen como Duques de Alba".
É unha das medidas que é necesario ter en conta ante o tráfico marítimo desa zona. Pero non a única. Existen protocolos portuarios, apuntan os técnicos, para evitar que accidentes coma este se poidan producir.
"As manobras que se fan con este buques deberían ir acompañadas de remolcadores como ocorre no Porto da Coruña", asegura Antonio González Meijide, profesor de Proxectos de Enxeñería da UDC.
Os técnicos botan agora contas para a reconstrución. Din que serán necesarios polo menos dous anos e que mesmo se podería aproveitar parte da estrutura.
"A Ponte era unha boa ponte e funcionaba ben. O que teñen que facer é traballar na protección dos piares para que isto non suceda outra vez", di Manuel Herrador, profesor da Escola de camiños, canles e portos da UDC.
E apuntan a que a normativa actual nos Estados Unidos está servindo de modelo para a construción de pontes en todo o mundo.