Os escolares rematan o curso e comezan as vacacións
Os escolares rematan o curso e comezan as vacacións
Despois de moitos meses de convivencia e traballo toca despedirse das compañeiras e dos compañeiros e tamén dos mestres e as mestras
Os pais e as nais buscan actividades e plans para entreter os cativos mentres eles seguen traballando
Os escolares e o profesorado comezan hoxe as vacacións. Co traballo xa feito, remata o curso escolar nun día especial para a comunidade educativa, no que hai despedidas, pero tamén festa.
Toca o último día de clase e con esta ledicia entra o alumnado no centro escolar de infantil e primaria da Ponte, en Ourense. "Pois vou para Baiona para bañarme na praia"; "Moitas ganas de vacacións, pero de irme non tantas, porque teño amigos aquí que non quero deixar atrás".
Día de alegría e tamén de despedidas. Os que rematan sexto deixan aquí moitas lembranzas e amizades. "Estou contenta de irme, pero á vez non me quero ir"; "No colexio é máis fácil, iso está claro"; "Pasei todos os meus anos de escola cos meus compañeiros e agora separarme deles tamén custa".
Chegan as vacacións e tamén os plans das nais e dos pais para buscarlles un entretemento, e moitos din que van ter que pedilles axuda aos avós.
"Estamos de despedida, é un día especial, agora mesmo despois do recreo fan unha festiña. Están alborotados, felices, e cansos tamén", di Pura Rodríguez, mestra no CEIP A Ponte de Ourense.
"Igual que eles, moi nerviosos, porque é o momento da despedida e despois desta convivencia ampla, durante todos estes meses e de moitísimas actividades que se fixeron...", di Susana Godoya, mestra de Educación Física.
Co traballo xa feito, agora toca descansar!