Os feirantes retan o Concello da Guarda e abren as atraccións sen permiso municipal
Os feirantes retan o Concello da Guarda e abren as atraccións sen permiso municipal
A Policía Local advírteos de que serán precintadas se non pechan
Os feirantes cumpriron a súa ameaza. Abriron e puxeron en marcha as atraccións na Festa do Monte da Guarda. Aseguraban que tiñan todo en regra, que o Concello non lles pediu documentación adicional e que o van denunciar por non deixalos traballar.
Os feirantes acusan o Goberno municipal de ignorar a normativa vixente.
"A lei di que unha vez que se presente unha declaración responsable podemos montar e abrir", asegura a secretaria da Asociación de Atraccións de Feira de Galicia.
Pero apenas unha hora despois chegaba a Policía Local para identificalos e comunicarlles que debían pechar ou precintarían as atraccións. Un dos afectados é o propietario do Saltamontes.
"Non sabemos por que. A atracción cumpre todas as normativas, ten todos os papeis e todos os permisos e veu un enxeñeiro certificalo", xustificaba o responsable de Atraccións Dordi.
Alberto Dordi cre que están pagando xustos por pecadores a raíz do accidente en Matamá.
"Desde 1992, porque meu pai xa tiña outro Saltamontes, revisamos a atracción todos os días", salienta.
E no medio da polémica, a comisión de festas, que fala dun problema de interpretación da lei que as partes deberían falar.
"Entendo que un político non pode asinar un documento en contra do criterio dos técnicos porque podería incorrer en prevaricación, pero ás veces hai que axilizar os trámites e corrixir cando se equivoca, unha parte ou a outra", dixo o coordinador da Festa do Monte, Manuel Castro Vicente.
"Aquí a prexudicada é a festa, e toda esa xente que está sen traballar", engadía.
O Concello da Guarda sostén nun comunicado que a documentación presentada polos feirantes foi deficitaria e non cumpre a normativa vixente, e que deben velar pola seguridade dos usuarios das atraccións. Non autorizarán a apertura ata que remate a revisión de todos os documentos.
Os feirantes están dispostos a manter o reto co Concello e aseguran que seguirán abertos ata que lles chegue unha orde xudicial.