Os felos visitan as aldeas da serra de San Mamede
Os felos visitan as aldeas da serra de San Mamede
O Fiadeiro de Carguizoi encheu de xente esta pequena aldea de media ducia de veciños
Ao pé da serra de San Mamede, o espírito do Entroido non esmorece. Calquera pode ser obxecto da mofa das máscaras e ata os máis pequenos nacen instruídos.
"O felo sempre ía acompañado de músicos e os veciños recibíanos con comida e con bebida", explica un dos mozos de Carguizoi.
En Carguizoi, parroquia de Tioira, reviven a tradición do fiadeiro con música e comida para recibiren os felos que veñen axotar o letargo do inverno.
"Esa xente que está soa todo o ano, dáslles alegría e ver que os velliños están contentos é o mellor que hai", conta un dos felos.
E os veciños recíbenos cunha emoción que levan prendida ben dentro.
"Aquí sentes as chocas durante calquera día e parece que che levantan o ánimo". "Ao mellor estás triste, pero sentes o Entroido e vés arriba", din dúas veciñas.
Este ano teñen convidados: os peliqueiros de Campobecerros, curmáns do outro lado da serra.
E non hai risco de que a cousa acabe, porque os máis pequenos xa teñen o bicho dentro.