Publicador de contidos
Publicador de contidos

Os fortes tornados deixan polo menos 18 vítimas mortais nos Estados Unidos

Os fortes tornados deixan polo menos 18 vítimas mortais nos Estados Unidos

Milleiros de persoas quedaron sen electricidade

Parte do tellado dun teatro colapsou con 260 persoas dentro Parte do tellado dun teatro colapsou con 260 persoas dentro
G24.gal 01/04/2023 21:27 Última actualización 01/04/2023 21:45

Os fortes tornados que azoutaron o medio oeste e o sur dos Estados Unidos deixan polo menos 18 vítimas mortais e milleiros de persoas sen electricidade.

Ata o de agora, as autoridades locais confirmaron o falecemento de sete persoas en Tennessee, cinco en Arkansas, tres en Indiana, unha en Alabama, outra en Illinois e unha máis en Misisipi.

Ante o devastador impacto dos tornados, o presidente norteamericano, Joe Biden, falou por teléfono coa administradora da Axencia Federal para a Xestión de Emerxencias (FEMA), Deanne Criswell, que coordina a resposta federal ao desastre.

En Little Rock, a capital de Arkansas, unhas 2.000 vivendas quedaron danadas e unha trintena de persoas están hospitalizadas.

No norte de Illinois, colapsou parcialmente o tellado dun teatro onde 260 persoas asistían a un concerto de heavy metal. Faleceu unha persoa e outras 28 quedaron feridas.

Tornados en sete estados

Segundo o Servizo Meteorolóxico Nacional (NWS), o venres pola noite rexistráronse tornados en sete estados: Arkansas, Misuri, Illinois, Indiana, Tennessee, Wisconsin, Iowa e Misisipi.

Está previsto que a tormenta se mova cara ao leste durante o sábado, polo que se activaron alertas por mor da forza dos ventos en Alabama e Xeorxia.

Os tornados golpearon o medio oeste e sur do país horas despois de que Biden visitara a localidade de Rolling Fork (Misisipi), devastada a semana pasada por unha vaga de fortes tornados que deixou 26 vítimas mortais.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade