Os gandeiros alertan do risco de desabastecemento de produto fresco
Os gandeiros alertan do risco de desabastecemento de produto fresco
O Goberno reduce os incidentes a "disrupcións puntuais"
O conselleiro de Agricultura pide non agardar ao 29 para tomar medidas
Desde este xoves non se vai recoller leite nas granxas de toda España. A Federación Nacional de Industrias Lácteas di que o fan ante o desamparo e a impotencia que din sentir os seus camioneiros pola actuación dos piquetes informativos deste paro do transporte.
Suspenden tamén o traslado do produto acabado aos puntos de distribución, o que podería poñer en risco nos vindeiros días o abastecemento de leite e derivados en tendas e supermercados.
FENIL, que representa ao 95% da produción nacional láctea, di que manterá esta suspensión mentres non se garanta a seguridade dos seus transportistas.
Tamén as fábricas de pensos comezan a notar os efectos do paro do transporte. Os piquetes impiden a chegada de materia prima e o mesmo pasa co traslado de animais a algúns matadoiros. O gandeiros urxen os convocantes do paro a respectar os servizos mínimos.
"Se non hai unha solución inmediata, atoparémonos con situacións dramáticas de morte de animais en explotacións e con dificultades claras de abastecemento en supermercados de alimentación de fresco en todo o que é polo, carne, porcino e incluso de horta", explica Roberto García, secretario xeral de Unións Agrarias.
O Goberno di que non hai problemas de abastecemento e reduce os incidentes a casos puntuais.
"Algunhas disrupcións puntuais tanto no sector pesqueiro como no sector de froitas e hortalizas", puntualizou o ministro de Agricultura, Luis Planas.
Reunión do ministro cos conselleiros de Agricultura
O ministro reuniuse este mércores cos conselleiros de Agricultura para estudar solucións ao desabastecemento de cereais provocado pola guerra de Ucraína.
Planas adiantou algunhas das medidas que vai propor na Unión Europea como flexibilizar os requisitos para importar cereais doutros países, aumentar o pago dos anticipos da Política Agraria Común ou permitir de forma excepcional o cultivo de barbeitos.
Á saída da xuntanza, o conselleiro galego urxiu ao ministro a vixilar o cumprimento da Lei de Cadea Alimentaria para evitar que os gandeiros galegos sigan vendendo a perdas.
Sobre a folga de transportes, José González non entende que o Goberno espere ata o 29 de marzo para tomar medidas sobre os carburantes.
"Os animais non poden esperar ata o 29 de marzo. Os animais teñen que comer e as vacas téñense que muxir, e isto ten que seguir con normalidade. Logo falaremos de máis cousas, pero agora hai que resolver o inmediato", dixo González.