Os gandeiros de Suprema inician unha folga de entregas que se prolongará ata setembro
Os gandeiros de Suprema inician unha folga de entregas que se prolongará ata setembro
O motivo desta decisión é o baixo prezo da carne en orixe
Á súa protesta acaba de sumarse tamén a Asociación de Criadores de Raza Rubia Galega
Os gandeiros que producen carne certificada polo selo de calidade de Tenreira Galega Suprema, reunidos en asemblea nas últimas horas, convocaron unha folga de entregas, por tanto non enviarán os seus animais ao matadoiro desde este martes ata o día 7 de setembro.
O motivo desta decisión é o baixo prezo da carne en orixe. O presidente de Gandeiros Galegos da Suprema, Santiago Rego, explicou que o ano pasado, a estas alturas, os produtores estaban a cobrar entre 6,20 e 6,30 euros por quilo, pero este verán móvense entre 5,80 e 5,90 euros.
Ao seu xuízo, o prezo a estas alturas do ano tiña que ser outro. De feito, os gandeiros sospeitan que industria e distribución pretenden aproveitarse das axudas concedidas pola Xunta de Galicia por canle certificada ao amparo da IXP Tenreira Galega, arbitradas precisamente para paliar o baixo prezo da carne en orixe, para pagar menos aos produtores e aumentar dese modo os beneficios.
“Están a facernos a puñeta, por dicilo dalgunha maneira”, dixo Santiago Rego, e con iso os gandeiros tomaron a decisión de seguir adiante con esta medida de presión.
De feito, aínda que recoñece que “o consumo baixou”, do mesmo xeito que sucede con outros moitos produtos agroalimentarios, “porque a inflación realmente se nota”, tamén afirma que non é motivo para xustificar semellante baixada de prezo.
Santiago Rego asegura que a demanda segue superando á oferta, porque “hai escaseza de animais no mercado”. Esa situación é a consecuencia de que en anos pasados houbese que sacrificar “moitas vacas reprodutoras” e ao feito de que moitas explotacións foron quedando polo camiño.“De aquí a decembro vai haber escaseza de tenreiros de Suprema”, sentenciou.
Ao paro acaba de sumarse tamén a Asociación de Criadores de Raza Rubia Galega:"O prezo para o consumidor omellor é alto pero para o gandeiro non sube, sempre é o mesmo", di o presidente de Acruga, César Dorado.
O paro, fixado ata o 7 de setembro, afectará a máis de 500 explotacións.