Publicador de contidos
Publicador de contidos

Os grupos do Parlamento aproban o calendario para a investidura de Rueda

Os grupos do Parlamento aproban o calendario para a investidura de Rueda

O debate arrincará o martes 9 de abril coa presentación do programa de goberno a cargo do candidato

Dous días despois intervirán os grupos, aos que responderá Alfonso Rueda, e despois votarán

G24.gal 25/03/2024 15:21 Última actualización 25/03/2024 16:02

A primeira xunta de portavoces da XII lexislatura do Parlamento de Galicia deu luz verde ao calendario para a investidura de Alfonso Rueda como presidente da Xunta, que se pechará coa toma de posesión como presidente da Xunta o sábado 13 de abril.

A xunta de portavoces celebrada este luns serviu, ademais de para aprobar o calendario do arranque da lexislatura, para configurar a composición de comisións e deputación permanente en reflexo dos resultados das eleccións do pasado 18 de febreiro.

Así, o grupo do PP ocupará nove asentos nas comisións, o BNG terá cinco e o PSdeG ve reducida a súa presenza ata os dous. En todas elas manifestou a súa intención de participar o único deputado de Democracia Ourensana, Armando Ojea, que deixou a porta aberta a renunciar ao seu espazo na comisión de Pesca "por razóns obvias", ao ser Ourense a única provincia galega sen saída ao mar.

Deste xeito, o Parlamento de Galicia acollerá o mércores 16 de abril a sesión solemne de apertura da XII lexislatura xa co Goberno en pleno funcionamento nas cadeiras de brazos azuis do hemiciclo. Con este pleno solemne formalmente arrincará este novo período político de catro anos, o quinto consecutivo con maioría absoluta do PPdeG e a primeira lograda por Alfonso Rueda o pasado 18 de febreiro, con 40 escanos.

Como é habitual o debate de investidura durará dúas xornadas. Neste caso, segundo figura no borrador de calendario proposto polo presidente da Cámara, Miguel Santalices, o debate arrincará o martes 9 de abril coa presentación do programa de goberno a cargo do candidato á Presidencia.

Tras un día de receso, intervirán os grupos parlamentarios no pleno, o candidato responderá e pecharase a xornada coa votación do novo presidente da Xunta. Antes, o 1 de abril (luns de Pascua), terá lugar a constitución das comisións e ao día seguinte arrincarán as consultas o presidente do Parlamento cos representantes dos grupos parlamentarios para a elección á Presidencia da Xunta.

O 4 de abril volverá reunir a Mesa e a xunta de portavoces para tomar coñecemento da proposta de candidatura, ordenar o debate e pechar o acordo de repartición de escanos.

Así bota a andar unha nova lexislatura en que o PP, cunha renovada maioría absoluta, expresou a súa vontade de desenvolver "o moi ambicioso programa electoral" co que concorreron ás eleccións nas que lograron 40 deputados.

O portavoz parlamentario do PP galego, Alberto Pazos Couñago, fixou como obxectivo "non defraudar ás expectativas xeradas" nun momento no que Galicia "xoga moito", ademais de querer "seguir sendo" a "referencia de estabilidade" fronte ao "barullo" da política estatal que atribúe ao "inestable" goberno de Pedro Sánchez "manexado polos independentistas".

Nesta liña, manifestou que o grupo maioritario está "aberto a negociar" coa oposición pero cre que será difícil porque "xa se está vendo" que "o talante moderado" que, di, mostrou o BNG "en campaña" acabou "o día das eleccións".

"Non esperaron á constitución do Parlamento para pedir unha comisión de investigación sobre a compra de material sanitario durante a pandemia ou sobre supostas anomalías na contratación da Xunta", espetou Pazos Couñago.

E é que a viceportavoz do BNG, Olalla Rodil, avanzou que o seu grupo pedirá explicacións na Cámara sobre "o abuso" na "fragmentación" de contratos que, di, empregou a Xunta de forma "perversa" para entregar "contratos a dedo" por valor "de 4.000 millóns de euros" nos últimos cinco anos.

Neste sentido, sinalou que entre 2018 e 2023 a Xunta "concedeu 1.311 contratos a dedo" á empresa Eulen, que, como subliñou Rodil, está dirixida por Micaela Núñez Feijóo, irmá do expresidente da Xunta e líder do PP, Alberto Núñez Feijóo.

Para o BNG, a "práctica sistemática" da "contratación a dedo" do Goberno galego causa "un grave prexuízo económico" para as arcas públicas e "tamén ao tecido económico" galego porque "furta a posibilidade" de "moitas" empresas de acudir á licitación pública.

A reunión deste luns tamén serviu a José Ramón Gómez Besteiro para estrearse como portavoz parlamentario do Grupo Socialista, que encara a lexislatura coa intención de levar a cabo un traballo de oposición "firme, construtivo e moi propositivo".

Neste sentido, incidiu en que queren "diferenciar" o seu "ton" co que se escoita en "outras cámaras" como o Congreso, que ve marcado por "o labor de oposición destrutiva" do PP en Madrid.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade