Publicador de contidos

Publicador de contidos

Os hoteis das Rías Baixas teñen moitos problemas para contratar traballadores que reforcen os seus cadros de persoal

Os hoteis das Rías Baixas teñen moitos problemas para contratar traballadores que reforcen os seus cadros de persoal

A falta de persoal responde a varios factores, o máis determinante a falta de remuda xeracional apoiada nunha pirámide de poboación con máis vellos ca novos.

Ao contrataren traballadores de fóra estes necesitan un aloxamento que teña un prezo acorde co seu soldo, misión imposible en zonas turisticamente tensionadas como as Rías Baixas.

Sanxenxo, unha das xoias do turismo das Rías Baixas que ofrece máis de 30.000 prazas hoteleiras, está tendo problemas para atopar persoal
G24.gal 22/03/2025 15:07

En tres semanas comeza a Semana Santa e nas Rías Baixas hoteis e hostais estarán case ao 100 % da súa ocupación. Como vén sucedendo desde hai máis dun lustro o sector hoteleiro está tendo moitos problemas para atopar persoal cualificado.

A escaseza de persoal cualificado nos hoteis, hostais e apartahoteis nas Rías Baixas é un problema maior cada tempada. Falamos con varios xerentes hoteleiros de Sanxenxo, que aínda que hoxe está deserto, en 22 días estará cheo de turistas de Semana Santa. Cóntannos que a falta de persoal responde a varios factores, o máis determinante a falta de remuda xeracional apoiada nunha pirámide de poboación con máis vellos ca novos. A isto hai que engadir que ao contratar traballadores de fóra estes necesitan un aloxamento que teña un prezo acorde co seu soldo, misión imposible en zonas turisticamente tensionadas como as Rías Baixas. De feito, moitos ofrecen contratos con lugar onde vivir.   

Achegámonos ao Gran Hotel Talasso, na praia de Silgar en Sanxenxo. A menos dun mes da Semana Santa o seu cadro de persoal está preparado e pechado. Pero despois virá a tempada alta e aos fixos e fixos discontinuos haberá que engadir traballadores de reforzo.     

"Moitas veces non temos persoal cualificado da zona para cubrir eses postos, e temos que recorrer a xente de fóra. Aí o problema si que se agrava, sobre todo polo asunto do aloxamento, porque non todo o mundo ten un aloxamento económico para poder vir traballar. Nós aí si que intentamos buscar un aloxamento a esas persoas para que poidan vir traballar. E aínda así cústanos moito", conta Óscar Fontán, o director do Gran Talasso Hotel de Sanxenxo.

Recíbennos agora no apartahotel Cabicastro, en Canelas, en Portonovo. Está pechado e ultima a reforma das instalacións con vistas á Semana Santa. Como sucedía no hotel Talasso, aquí tamén está preocupados polas contratacións dese persoal de reforzo que se sumará ao cadro de persoal fixo. 

"En Sanxenxo os alugueiros están carísimos. Entón a xente que é de fóra se ten que pagar un alugueiro non podería. Entón si que estamos pensando en incluso dar aloxamento para facilitar que a xente veña traballar. Estamos incluso tirando de estudantes para traballar no verán. Está ben, é unha boa experiencia para eles, e é unha boa solución para reforzar os cadros de persoal, porque se non...", explica José Luis Silva, o xerente do Apartahotel Cabicastro de Portonovo.

Sanxenxo, unha das xoias do turismo das Rías Baixas, ofrece máis de 30.000 prazas hoteleiras.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade