Publicador de contidos
Publicador de contidos

Os incendios máis importantes de Galicia queimaron máis de 31.500 hectáreas

Os incendios máis importantes de Galicia queimaron máis de 31.500 hectáreas

G24.gal 22/07/2022 09:15 Última actualización 22/07/2022 14:59

Os incendios máis importantes que hai en Galicia queimaron xa 30.965 hectáreas, 10.500 en Carballeda de Valdeorras e 11.100 entre a suma dos núcleos afectados en Folgoso, informa este venres a Consellería do Medio Rural.

Na provincia de Lugo xuntáronse catro incendios en Folgoso do Courel e A Pobra do Brollón que manteñen activa a situación de risco para núcleos poboados en Parada dos Monte e Carballal e Busto tras queimaren 10.000 hectáreas. Tamén en Folgoso do Courel, neste caso na parroquia de Seceda, arden 1.100 hectáreas con risco para o núcleo de Gamiz.

A Consellería do Medio Rural incrementou nas últimas horas o número de efectivos terrestres, coa chegada de máis axentes forestais, máis brigadas e máis motobombas, nun dispositivo que leva máis dunha semana traballando para tratar de extinguir o lume que xa arrasou unhas 10.000 hectáreas nas parroquias de Vilamor, en Folgoso do Courel, e Saa, na Pobra do Brollón.

Traballan nos labores de extinción 19 técnicos, 188 axentes forestais, 289 brigadas, 150 motobombas, 13 escavadoras, 1 unidade técnica de apoio, 20 avións, 26 helicópteros e efectivos da Unidade Militar de Emerxencias, medios que, polo menos de momento e segundo a información facilitada por Medio Rural, conseguiron frear o avance das chamas.

Desde onte non aumentou a superficie queimada, que se mantén nunhas 10.000 hectáreas, o cal converte este incendio, de todos os xeitos, nun dos máis grandes da historia recente en Galicia e, ademais, nunha zona de gran valor ecolóxico, dentro do Xeoparque da Unesco Montañas do Courel.

Todos eses incendios están activos, mentres que están estabilizados os de Cervantes (Cereixedo, 65 hectáreas) e Quiroga (Nocedo, 15 hectáreas). Están controlados os de Palas de Rei (Ramil, 375 hectáreas), Quiroga (Outeiro, 250), Antas de Ulla (Santa Mariña do Castro de Amarante, 40) e Cervantes (O Castro, 20).

O lume calcina 10.500 hectáreas en Carballeda de Valdeorras

Na provincia de Ourense, a situación máis complexa está en Carballeda de Valdeorras, onde o incendio, activo, queimou 10.500 hectáreas, mantén risco para o núcleo de Candeda e afecta o parque natural da Serra da Enciña da Lastra.

Están tamén activas as chamas en Vilariño de Conso tras afectar a 5.500 hectáreas, parte no parque natural do Invernadeiro. O resto de lumes nesta provincia están estabilizados, co da parroquia de Rabal, en Oímbra, nesta fase desde as 22:58 horas do xoves tras queimar 2.100 hectáreas.

Son, en total, tres incendios neste municipio e a Consellería vincúlaos todos a Portugal e engade o de Videferre (600 hectáreas) e o de San Cibrao (400). Non hai incendios que afecten a outras provincias tras a extinción, ás 21:29 horas de onte á noite, do de Rodeiro (Pontevedra), na parroquia de Guillar, que queimou 110,11 hectáreas de monte arborizado.

A Consellería do Medio Rural lembra que está á disposición da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085, ao que deben chamar en caso de detectar algún lume forestal. Ademais, existe un teléfono anónimo e gratuíto para denunciar calquera actividade delituosa incendiaria da que se teña sospeita ou coñecemento: 900 815 085. Así mesmo, toda a información actualizada sobre incendios forestais poderá ser consultada na conta aberta de Twitter: @incendios085.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade