Os investigadores traballan a bordo do Dali mentres comeza a retirada dos restos da ponte de Baltimore
Os investigadores traballan a bordo do Dali mentres comeza a retirada dos restos da ponte de Baltimore
Os investigadores traballan a bordo do Dali mentres comeza a retirada dos restos da ponte de Baltimore
O accidente vai supor unha das demandas marítimas máis caras da historia
Embarcacións da Armada dos Estados Unidos e enormes guindastres traballan na retirada dos cascallos da ponte derrubada.
A operación é complicada pola dimensión dos restos de aceiro da infraestrutura. E urxente, porque é vital reabrir esta canle de navegación do porto de Baltimore, que move diariamente mercadoría por valor de entre 100 e 185 millóns de dólares.
Amais, as autoridades despregaron unha barreira de case un quilómetro para poder conter os materiais tóxicos, corrosivos e inflamables, que cargaba o buque Dali.
Os investigadores interrogaron os membros da tripulación, e xa traballan a bordo do cargueiro para analizar que causou o choque contra a infraestrutura, un accidente que vai supor unha das demandas marítimas máis caras da historia.
O Goberno dos Estados Unidos habilitou unha primeira partida de 60 millóns de dólares para comezar a reconstrución da ponte Francis Scott Key.
E a comunidade latina de Baltimore xa colectou uns cen mil dólares para apoiar as familias das vítimas do accidente.
Son seis falecidos, dos que polo momento só se recuperaron dous.
A familia dun dos desaparecidos pide dende Honduras que non se abandone a busca.
"Seguimos esperando con fe, con esperanza de que poda ser atopado o corpo do noso irmán para poder facer os trámites de repatriación, que é o que máis nos interesa", explica Martín Suazo.
Os servizos de rescate de Maryland xa detectaron polo menos un vehículo de gran tamaño afundido entre os restos da ponte.