Os letrados do Congreso din que é válido o voto de Alberto Casero
Os letrados do Congreso din que é válido o voto de Alberto Casero
Avalan a actuación da presidenta Maritxel Batet na polémica votación da reforma laboral
Os letrados do Congreso avalan a actuación da presidenta Maritxel Batet na polémica votación da reforma laboral. O informe di que o voto do deputado popular Alberto Casero foi validamente emitido.
Son 14 páxinas elaboradas polos letrados da cámara baixa que apoian a actuación de Meritxell Batet. Desbotado o erro informático, din tamén que a presidenta non debeu chamar a Alberto Casero para confirmar o voto, nin paralizar as votacións, e tampouco convocar a Mesa da Cámara. A conclusión é clara.
O voto do deputado do Partido Popular Alberto Casero a favor da reforma laboral foi válido e non hai razóns nin antecedentes que xustifiquen unha segunda oportunidade. Un "erro material" que permitiu a validación da reforma laboral.
O PP xa anunciou hoxe que presentou dous recursos de amparo ante o Tribunal Constitucional, un do Grupo Parlamentario Popular e outro do seu deputado Alberto Casero, ao entender que se vulnerou un dereito fundamental do seu parlamentario porque a reforma laboral foi aprobada co seu voto telemático erróneo.
Desde o PP sosteñen que o informe dos letrados do Congreso, que non ve xustificado anular un voto erróneo, como non se fixo nunca, "non cambia nada".
A voceira do PP no Congreso, Cuca Gamarra, dixo que o PP considera que se incumpriu o artigo 23.1 da Constitución "ao impedir, advertido con carácter previo e conforme a Regulamento, que a votación fose conforme á súa vontade, alterando a vontade da maioría cámara".
"Deixámolo moi claro desde o primeiro momento, iremos ata o final. Só o Tribunal Constitucional ten a competencia de decidir se se vulnerou un dereito fundamental dun deputado, e nós estamos convencidos de que así foi", dixo Cuca Gamarra, portavoz parlamentaria do PP.
O Goberno di que non entende a postura do principal partido da oposición.
"O erro non é do deputado, o erro monumental é do señor Casado, que leva a todo o seu grupo a negarse ao importante que é mellorar as condicións laborais no noso país", asegura Isabel Rodríguez, portavoz do Goberno.
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, insistiu este venres en que a reforma laboral do Goberno non se pode aprobar por "un erro" dun deputado da oposición, concretamente do PP, aínda que sexa un erro humano e non informático.
Os populares anuncian nos próximos días presentarán tamén un recurso de inconstitucionalidade contra a reforma laboral.