Os incendios do Courel evolucionan de xeito positivo e xa non hai risco para as vivendas
Os incendios do Courel evolucionan de xeito positivo e xa non hai risco para as vivendas
Dende o pasado xoves non arderon máis hectáreas, quedando en 11.100
Levantada a situación 2 nos incendios principais por non haber risco para as vivendas
Montes calcinados na Pobra do Brollón, Folgoso e Quiroga, pero a sensación de que o peor xa pasou. É a estampa da mañá deste luns no Courel. O fume e a cinsa xa non cobren a serra, pero quedan pequenos focos nas zonas norte e oeste.
Os incendios de Seceda e Folgoso Brollón seguen activos pero xa non hai risco para as vivendas e todos os veciños puideron regresar ás súas casas. Foron dez días moi duros e os habitantes destas parroquias aínda seguen co susto no corpo e os ánimos moi baixos.
Hoxe xa se vían moitos menos medios aéreos sobrevoando O Courel, pero os equipos de extinción seguen ao pé dos lugares queimados para evitar posibles rebrotes. Especialmente nas uceiras, que poden arder baixo terra durante días e emerxer á superficie en calquera momento. Os veciños din que non lembran nada igual ao que aconteceu nestes incendios e piden que non se esqueza a súa traxedia.
Nos incendios do Courel traballaron estes días 33 helicópteros, 26 avións ou 215 motobombas, entre outros medios.